fbpx
Terreo onde supostamente estaría a antiga sinagoga de Monforte / wikipedia

Venden o terreo onde podería estar a antiga sinagoga de Monforte

Tempo de lectura: 2 min.

O principal rastro da presenza de xudeus en Monforte está á venda. O investigador Felipe Aira, autor dos estudos que serviron para entrar na asociación de Camiños do Sefarad, situou a antiga sinagoga xudea nunha leira do conxunto monumental de San Vicente. O terreo está na Rúa Falagueira, a rúa máis importante do antigo burgo medieval. Unha leira que agora está á venda.

Nos seus extremos seguen en pé dous das portas da muralla da antiga fortaleza: a porta Nova e a porta da Alcazaba, cuxo nome tradicional era de Carnicerías ou Peixerías. Este lugar non é edificable tal e como recolle La Voz. O conxunto monumental do monte de San Vicente, en cuxa cima está o parador de turismo que ocupa o mosteiro benedictino e o antigo palacio dos condes de Lemos, ten o máximo nivel de protección e só se admiten rehabilitacións de construcións xa existentes.

Na parte traseira do terreo existen dúas covas escavadas na ladeira cuxo uso como adegas por parte dos monxes de San Vicente “propietarios no seu día de abundantes viñedos no Sil nas ribeiras de Doade e Vilachá de Salvadur” está acreditada en diversos documentos históricos.

Desde o 2021  houbo intentos por parte do concello de facerse con ese terreo que non chegaron a bo porto. O primeiro intento de compra frustrouse ao parecer, polas elevadas pretensións económicas dos propietarios.

Onde está a sinagoga?

Con todo, hai diferentes opinións sobre o lugar onde se pode atopar o lugar de culto dos antigos xudeus de Monforte. “En canto ao tema da sinagoga os datos de que dispomos emprázannola nun solar hoxe arruinado situado na rúa Falagueira. Curiosamente, ao comezo da investigación, a tradición popular xa a situaba nesta rúa intramuros da vila que foi durante a alta Idade Media a mais importante do Monforte medieval”, apunta Felipe Aira no estudo Xudeus e conversos de Monforte de Lemos, publicado na web da fundación internacional Raoul Wallenberg.

Pero o escritor Luís Moure Mariño e o que foi cronista oficial de Monforte José Luís Balado Pérez, estudiosos do pasado xudeu de Monforte, coincidiron en sinalar nos seus traballos que a tradición popular situaba a vella sinagoga na Calexa, outra rúa do conxunto monumental. Tamén o historiador Anselmo López Carreira di que o seu emprazamento é un misterio. “Non se coñece ningún documento que fale dunha sinagoga monfortina. Sabemos que existiron noutros lugares, como Allariz ou Ribadavia. En Monforte é posible que tamén a houbese, pero nada permite afirmalo”. Toda a reportaxe en La Voz.

Pode que che interese...