fbpx
Reino de Galicia, o regnum totus gallaecia, que chegaba ata os confíns dos vascos e ata a actual Coimbra

Anselmo López Carreira (historiador): “Cando se fala do Reino de Galicia, fálase de Galicia, Asturias e León ata a Extremadura”

Tempo de lectura: 5 min.

O noso país é un territorio moi rico culturalmente. A nosa historia tamén o é, aínda que durante moitos anos foinos contada mal. O franquismo destruíu gran parte do traballo historiográfico feito en Galicia no século XIX e no primeiro terzo do século XXI. Entón, cando chega a fin da ditadura, os historiadores novos, concienciados coa identidade galega, comezan de cero unha travesía para construír a historia galega. Anselmo López Carreira é un deses historiadores que participaron no proceso, neste caso especializado na Idade Media e no Reino medieval de Galicia. Anselmo estudou na Universidade de Santiago de Compostela nos anos 70 e foi moi influído ben cedo por un compromiso cara a sociedade, e o pobo galego en particular.

Por que decidiches encarar a túa carreira cara a investigación da Galicia medieval?

Debo dicir que inicialmente non era a historia medieval a que me atraía. Entre o 70 e o 75 fixen a carreira, os últimos anos do franquismo, e eu tiña unha visión comprometida da realidade e atraíame máis a historia contemporánea. Mais durante a carreira, tiven un profesor, Cortázar. As súas clases, nos anos 70, 71 e 72, eran unhas clases de historia xeral moi vivas, inclusive acudía xente doutras facultades. O feito de que el fose especializado en medieval foime orientando cara esa historia.

Dende esa visión comprometida coa realidade galega que che interesaba máis?

A revolución irmandiña claro. E propúxenme encarar un traballo de investigación sobre o tema. Enseguida vimos que era un mundo relacionado coas cidades fronte ao tópico de que a revolta irmandiña foi un movemento labrego.

O historiador medieval Anselmo López Carreira / Samuel Pérez

Tras o franquismo, nesa época comezabades unha historiografía galega practicamente de cero, tivestes que destruír moitos tópicos?

Nese momento, nós non éramos conscientes da existencia de tópicos. Había un discurso predominante na historiografía española e, por rebote, mesmo tamén na pouca historiografía galega que había nos anos 70. Non sabiamos distinguir os tópicos porque todo o discurso historiográfico que existía naquel momento era ese, non había outro.

Coñecíase a existencia do Reino da Galicia medieval?

Falabamos dun Reino de Galicia, pero pensabamos que era unha circunscrición meramente administrativa e, como tal, o Reino de Galicia existira en momentos moi breves. Pero Galicia non existía como tal, existía o Reino de Asturias. A pregunta que nos faciamos era que era Galicia dentro do Reino de Asturias, fíxate que sinécdoque, tomar a parte polo todo. Tardamos moito en descubrir a identidade do que realmente é o Reino de Galicia. E creo que nestes momentos aínda estamos a afinar que era o Reino de Galicia, non o temos completamente deseñado.

Que falta para ter ese deseño completo?

Para empezar, hai que ter moi clara a xeopolítica medieval. A primeira impresión que se ten é que había que trasladar o que é o territorio da Idade Media á Galicia actual. E non. Cando os suevos establecen o seu reino na Gallaecia non nos atopamos coa Galicia actual, nin sequera a Gallaecia romana xa que ocupa parte da Lusitania. E cando nos adentramos nos séculos IX e X e se fala do Regnum Totus Gallaecia tampouco se trata da Galicia actual. É un territorio que se estende dende os confíns dos vascos ata Coímbra.

Xustamente debido a ese movemento de fronteiras constante na historia, como de complexo é delimitar as fronteiras dese reino?

Non é fácil de precisar, porque inclusive durante moito tempo úsanse dúas terminoloxías en paralelo. Asomámonos a un par de historiadores andalusís que distinguen entre a Yilliqiyya, que sería a Gallaecia romana, e a Galisiyya, que é un trozo da Gallaecia.

A Galicia de hoxe non se corresponde coa Gallaecia, esta estaba composta por diferentes identidades nacionais?

Son diferentes entidades culturais e son o arranque de diferentes identidades nacionais. Aquela Galicia era a evolución dun espazo moi amplo que era a Gallaecia que fundan os romanos. É un territorio moi variado e hai que telo moi claro para non ferir susceptibilidade. Os autores clásicos Isodoro de Sevilla e Horosio teñen unha frase ben clara en obras de ambos na que nos identifican claramente que Asturias e Cantabria son parte da Gallaecia. Non quere decir que sexan galaicos, senón que politicamente pertencen a Gallaecia.

En que ano comeza o Reino de Galicia medieval? E cando remata?

Segundo aparece na documentación dende época sueva, cando no século VI Gregorio de Tours fálanos de Galliciense Regnum estásenos a falar do Reino de Galicia. Cunha extensión xeográfica semellante ata o século XII cando o condado de Castela convértese en reino en 1157 e cando os condados portucalenses e conimbricenses convértense no reino de Portugal ao longo do Século XII.

De que falamos cando dicimos que existiu o Reino de Galicia, ademais da etapa sueva?

Cando se fala do Reino de Galicia, fálase de Galicia, Asturias e o territorio que logo sería León ata a Extremadura lexionense. Todo ese territorio que comeza a ser chamada Reino de Galicia-León ou León-Galicia. E, despois, a partir do século XIII, na baixa idade media, ao longo dos séculos XIII, XIV e XV, cando se fala do Reino de Galicia, fálase da Galicia actual practicamente.

Que pasa con Galicia entón?

Aí Galicia, non ten un entidade política propia e os límites son meramente humanos, nacionais. Está bastante claro que hai un límite bastante claro entre o que é Asturias e o que é Galicia. E logo vai haber un límite en León que cada vez se van aproximando máis a Castela. Pero queda o territorio do Bierzo un tanto indefinido.

O historiador medieval Anselmo López Carreira / Samuel Pérez

Defínese a Asturias como Reino nalgún momento?

Asturias non se define como Reino, senón como Principado que é un título que se crea a finais do século XIV cando se fai a paz co duque de Láncaster. Segundo nos di unha crónica, entre as cláusulas do tratado de paz para que o duque de Láncaster e a súa muller renuncien aos dereitos á coroa, vaise crear un título de príncipes de Galicia. Pero finalmente non se materializa por unha certa desconfianza por parte do Rei de Castela ao apego da nobreza galega ao duque de Lancaster, entón decídese que os herdeiros da Coroa de Castela leven o título de Príncipes de Asturias.

Durante a plena e alta idade media, os reis titúlanse Reis en Asturias, Reis de Oviedo ou Reis en Oviedo, pero non existe un título ou entidade que se chame Reino de Asturias. É o lugar onde establecíase o trono, que logo se traslada a León e serán Reis en León ou Reis leoneses. Pero ese trono que pode estar ubicado en Oviedo ou en León, é o dun territorio que é identificado como Galicia.

Por que é importante para a historiografía galega saber que existiu un reino que se nomeaba Reino de Galicia?

É importante para a historiografía en xeral. A realidade é esa e o que pretende a historia é asomarse da maneira máis exacta posible á verdade histórica. Asimesmo, hai unha razón que se debe ter en conta: o fomento da propia autoestima. Ten dito un historiador francés que na historia búscase a mellor imaxe de nós mesmo. O primeiro para a realización persoal e social é ser consciente da nosa identidade, tanto como persoa como pobo. Non vai contra ninguén, senón a favor de todos.

Pode que che interese...