fbpx
Intervención arqueolóxica desenvolvida no adro da catedral de Lugo / USC

Apuntan ao achado “dun importante legado romano” baixo o adro da Catedral de Lugo

Tempo de lectura: < 1 min.

Esta semana comezaron os traballos de reforma do adro da Catedral de Lugo. Con elas, chegaron tamén as catas arqueolóxicas que xa teñen grandes resultados debido a similutude que gardan cos achados que se deran no actual Domus de Mitreo. 

O arqueólogo que supervisa o traballo e quen dirixiu as excavacións do Domus de Mitreo, Celso Rodríguez Cao, asegurou que este espazo situado entre a basílica e a muralla “agocha un importante depósito do mundo romano“. Ademais, comentou que estas excavación dan continuidade á estratigrafía xa documentada na Domus do Mitreo.

Polo momento, as excavacións serviron para localizar a cimentación exterior da fachada neoclásica da Catedral de Santa María. A cota de profundidade chega ata os 2,5 metros e, segundo apunta Celso Rodríguez, permite delimitar unha calzada que ata o século XVIII conectaba o interior do recinto amurallado coa Porta de Santiago.

Esta cata realizada na parte central do adro, a máis profunda das tres existentes, achega información da evolución urbanística da cidade de Lugo desde a época medieval ata a contemporánea en sintonía cos achados xa advertidos en intervencións anteriores.

Este investigador sinalou, non obstante, que, a tenor da información “escasa, pero moi interesante”, que achega esta actuación pouco menos que superficial, todos os indicadores apuntan á existencia dun importante legado do mundo romano en capas inferiores, polo que fai un chamamento a que as distintas administracións se impliquen nunha actuación máis ambiciosa que permita descubrir e poñer en valor o pasado romano da capital luguesa.

Pode que che interese...