fbpx
. A bordo do cañoneiro “Cánovas del Castillo”. Santa Isabel (Malabo). 1957 / Son Radiofusion

Así era a Guinea Ecuatorial “española”… Crean un banco de fotografías de Ferrolterra

Tempo de lectura: 2 min.

As fotografías son un documento histórico enorme. As fotografías ilustran a memoria colectiva dun lugar. Axúdannos tamén a contextualizar e poder imaxinar as realidades do pasado. Por iso a conservación de todo tipo de material fotográfico é moi importante. Con este propósito nace o grupo de fotografía histórica de Son Radiofusión.

A iniciativa xurdiu da suxerencia do doutor Juan Malvar Lema, coleccionista de documentos e fotografías, quen observou a existencia de moitas imaxes históricas de Fene nas redes sociais. “Esas imaxes pertencen ao propietario das redes sociais, e non existe ningunha garantía do seu arquivo e conservación de cara ao futuro, nin tampouco dunha adecuada catalogación e explicación das circunstancias que a rodearon”, comenta Henrique Sanfiz, director de Radio Fene. Ademais do catálogo que xa dispoñen da emigración a Guinea Ecuatorial, xa recibiron máis propostas, inclusive de emigrantes galegos en Arxentina.

O obxectivo é recopilar, arquivar e catalogar fotografías relacionadas coa comarca de Ferrol e Fene. Máis a organización quere ir máis aló: pretende propiciar novas olladas sobre a paisaxe e o patrimonio, favorecendo procesos participativos e identitarios. Segundo afirman, “a paisaxe de Fene e da comarca de Ferrol sufriu unha mudanza importante nos anos sesenta e setenta ao fío da creación de emprego na construción naval”. Desta forma búscase axudar a identificación e conservación do patrimonio e paisaxes.

Carácter social e participativo

A participación social é a base desta iniciativa, xa que todas as fotografías que serán catalogadas e conservadas serán aportacións de persoas ligadas ao municipio. A cesión das fotos farase “á carta”, o propietario destas pode escoller se ceder todos os dereitos das imaxes ou cedelas temporalmente para a súa dixitalización.

Juan Arias Carballeira. Cabina de maniobra do Pizarro.1965 / Fernando Poo / Cedida por Son Radiofusión

Difusión

De momento non se organizou ningunha exposición ou presentación cara o público, pero non quere dicir que non as haxa. Segundo comenta Henrique Sanfiz, esa é a segunda fase que aínda non está deseñada: “a fotografía histórica, como parte do patrimonio histórico, se non se difunde carece de valor“.

Guinea en branco e negro

O primeiro “lote” de fotografías chegou antes da formación do grupo. A filla dun exmilitar destinado a Guinea Ecuatorial, Juan Arias Carballeira, aportou 60 fotografías. Carballeira foi trasladado a Guinea en dous periodos, de 1957 a 1959 e de 1963 a 1965. As fotografías, que servían para manter o contacto coa familia, pertencen todas a ese período e documentan a presenza española no país africano.

Arias Carballeira era militar, o seu propósito alí era o de manter a orde e o dominio español na zona, pero tamén houbo xente que marchou a Guinea para comerciar con produtos como o cacao ou o café. Da comarca de Ferrol desprazáronse principalmente a Fernando Poo (Bioko) ou Rio Muni (Rexión continental).

O protagonista destas sesenta fotos mantivo unha entrevista no ano 1994 en Ferrol na que narrou a súa experiencia alí. Nesa conversa explícase a complicación para comunicarse cos nativos, tiña que ser todo por acenos, ou que foi o máis impactante que atopou alí, menciona as fincas de café e cacao. A entrevista atópase nesta ligazón, que foi cedida por Son Radiofusión.

Pode que che interese...