fbpx
Ataque carlista / EITB

Así se reprimiu aos galegos durante o século XIX

Tempo de lectura: 2 min.

A primeira metade do século XIX caracterizouse pola chegada do liberalismo a España. Foi un tempo de inestabilidade política, as formas de goberno non paraban de sucederse, o cal provocou que a poboación sufrira as consecuencias. No libro Los perdedores. La represión política en Galicia en el siglo XIX, Xosé Manuel Barreiro analiza a represión que sufriu Galicia nesa época, tendo en conta as características propias da nosa sociedade.

A violencia absolutista foi brutal, mais tamén existiu unha represión por parte dos liberais que, como describe o investigador Juan Luis Bachero na súa reseña sobre a obra, “compartiu a arbitrariedade e crueldade, aínda que o seu proxecto político de establecer un réxime constitucional (…), era substancialmente diferente”. O libro mostra a barbarie dos dous bandos.

A obra de Barreiro divídese en seis capítulos que narran unha etapa política diferente. O primeiro narra a represión popular contra os franceses e os afrancesados. Destruíronse propiedades, houbo agresións, detencións, e incautáronse bens privados para pagar a guerra. A inseguridade política e a arbitrariedade do poder foron as dúas características que dominaron esta etapa e caracterizan a primeira metade de século.

O segundo capítulo relata a violencia dos absolutistas contra os liberais, mais os menos destacados nun primeiro momento. O cárcere e o confinamento contra os máis importantes intelectuais foi unha norma neste período ata que chega o Trienio.

Entón, cambiaron e as tornas. O desterro individual permitiu ao goberno manter fóra de xogo á oposición sen violencia na primeira etapa do Trienio. Co paso do tempo e a consolidación da oposición armada, a represión aumentou. Para Bachero, o feito “máis tráxico” foi o asasinato de máis de 50 absolutistas cando “a causa liberal xa estaba perdida”.

No cuarto capítulo da obra de Barreiro, nárrase como a caída do Trienio Liberal provocou unha represión baseada na ocultación do liberalismo. Moitos profesores e universitarios foron expulsados. A represión saldouse con seis liberais executados e outros tres suicidados antes de cumprir condea, a Bachero parécelle dubidoso que o asasinato de 5o absolutistas se saldase con nove mortos.

Os últimos tres capítulos falan da primeira guerra carlista e as súas vítimas mortais (88 en combate e 91 fusilados), e sobre o Levantamento de 1846. Neste último acontecemento participou o galeguismo como oposición do proxecto liberal do Partido Moderado.

Pode que che interese...