fbpx
Recreación dun suposto guerreiro viquingo cun casco con cornos / radiotvmexico.com

Cae un mito… Sabemos realmente como eran os cascos dos viquingos?

Tempo de lectura: 2 min.
Un grupo de investigadores liderados por Helle Vandkilde, arqueóloga da Universidade de Aarhus (Dinamarca) acaba de revolucionar o mundo da historia viquinga. Nunha investigación sobre os cascos atopados Viksø (ou Veksø) no leste de Dinamarca en 1942 e que posuían unha especie de cornos ou antenas en bronce, determinou que a época dos mesmos non ten nada que ver coa dos guerreiros nórdicos. Precisamente, estes cascos acrecentaron a iconografía contemporánea de asociar aos viquingos con cascos de cornos.
 Tal e como recolle o National Geographic, o equipo usou métodos de radiocarbono para datar un tapón de alcatrán de bidueiro nun dos cornos. Todo iso iniciou en 2019 cando un dos colegas de Vandkilde descubriu o alcatrán de bidueiro nun dos cornos cando tomaba novas fotografías dos cascos no Museo Nacional de Dinamarca. A nova investigación confirmou que os cascos se depositaron na braña en torno ao ano 900 a. C. (hai case 3.000 anos), moitos séculos antes de que os viquingos dominasen a rexión.
«Durante moitos anos, na cultura popular, a xente asociou os cascos de Viksø cos viquingos», dixo Helle Vandkilde. «Pero en realidade, non ten sentido. O tema dos cornos é da Idade de Bronce e remóntase ao antigo Oriente Próximo». «A tipoloxía é a miúdo un bo primeiro paso, cronoloxicamente falando, pero é moi importante cando podemos ter datas absolutas, como podemos co carbono 14», dixo Vandkilde.

Cascos atopados Viksø (ou Veksø), en Dinamarca, que son de hai 3.000 anos / NG

Semellanzas con Iberia, Sardeña ou o Báltico
Os expertos sospeitan que os cornos talvez estaban adornados con plumaxe, alcatrán de bidueiro, e que cada casco tivese unha crin de cabalo. Tanto os cornos de touro como o ave de presa poderían ser símbolos do sol, xa que noutras partes de Europa, como a illa mediterránea de Sardeña e no suroeste de Iberia, atopouse iconografía similar. De feito, aseméllanse aos cascos da Cultura dos Campos de Urnas atopados noutros lugares de Europa entre o Danubio e o Báltico, e mesmo na Península Ibérica.
O único casco que se datou da época viquinga foi descuberto en 1943 na granxa de Gjermundbu (Noruega). Trátase dun artefacto do século X que ten un gorro de ferro redondeado, e unha protección ao redor dos ollos e o nariz. E non ten cornos. Quizais os responsables de popularizar a idea dos cascos viquingos con cornos sexan August Malmström, un artista sueco do século XIX que fixo varias representacións desta civilización nas súas pinturas coa imaxe que hoxe é tan popular.  Toda a reportaxe en NGE.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: