fbpx
Maqueta do Plan Palacios desenvolta por alumnos do IES Politécnico de Vigo / Samuel Pérez

Cando o arquitecto Antonio Palacios quixo facer de Vigo a “Barcelona do Atlántico”

Tempo de lectura: 4 min.

O Museo do Mar vén de estender o tempo de exhibición da exposición sobre Antonio Palacios nunha das súas salas. A única razón para a extensión é a súa magnífica acollida por parte do público. Antonio Palacios é unha figura coñecida na cidade debido ao seu plan urbanístico para Vigo, un plan que nunca se levou a cabo mais que se quedou na memoria da cidade como o plan que tranformaría o caos urbanístico que Vigo é.

A exposición é totalmente gratuíta e promovida polo Museo do Mar e a Xunta de Galicia, e conta con préstamos de todo tipo de institución (Concello de Madrid, Arquivo da Catedral de Ourense, por exemplo) e de particulares como Ricardo Grobas. O historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Jesús Ángel Sánchez García, tomou as función de comisario e elaborou os textos. Os elementos gráficos e esculturais son bastante importantes ao longo do traxecto a través da vida e obra de Palacios, mais os visitantes paranse continuamente nos textos durante bastante tempo.

Busto de Antonio Palacios polo escultor Santiago Bonome en 1928 / Foto: Samuel Pérez

Os primeiros pasos

Nada máis entrar na sala, atopámonos ante o busto do arquitecto do Porriño. De feito, os primeiros paneis fálanos da súa orixe e dos seus primeiros pasos estudando en Madrid e facéndose un nome na capital española sen perder de vista a súa Galicia natal. O compromiso coa súa nación é sensible durante toda a súa vida.

A diferencia de outros arquitectos da época que traballaban en Vigo, como é o caso de Jenaro de la Fuente e Pacewitz, Palacios tiña unha querencia cara o urbanismo. Os edificios do “constructor de Madrid” sempre dependían da formación dun tipo de urbanismo. Así foi na construción da Casa de Correos de Madrid ou na construción do Teatro García Barbón de Vigo, o primeiro dependía da formación dunha praza ao seu redor e o segundo dunha gran avenida.

Isto pódese observar nos numerosos documentos que se atopan nas paredes brancas impolutas do Museo do Mar. A documentación desta exposición é asombrosa. Fotografías da época, actuais, mapas, planos, escritos, recortes de xornais e un largo etcétera que agradecen os curiosos que se asoman ao Museo do Mar de Vigo.

Pero o máis sorprendente da exposición, e os elementos que se levan todas as fotografías, son as espectaculares maquetas dos proxectos do arquitecto galego. Tras pasar os paneis sobre os primeiros pasos en Madrid, á man esquerda están as primeiras obras de Palacios en Galicia, entre elas a do Teatro García Barbón de Vigo, agora Teatro AFundación.

O Plan Palacios

E entón, tras ver tamén documentos e unha maqueta da primeira estación de metro de Madrid, chega o plan Palacios. O plan no que Palacios pretendía transformar Vigo na “Barcelona do Atlántico”, a influencia de Le Corbusier é enorme. O arquitecto do Porriño estaba seguro que o crecemento económico de Galicia tiña que vir da man das tres grandes cidades costeiras da época: Vilagarcía de Arousa, A Coruña e, por suposto, Vigo. De feito, Palacios tamén deseñou un plan urbanístico para a cidade ubicada na Ría de Arousa.

A Rúa Galicia do Plan Palacios reconstruída na maqueta elaborada por alumnos do IES Politécnico e polo Centro Infográfico de Galicia / Foto: Samuel Pérez

Palacios, que tamén propuxo proxectos urbanísticos para Ourense e Santiago de Compostela nas que respectaba os cascos históricos, en Vigo desfaríase de todo o Casco Vello para a construción da Rúa Galicia, a rúa que artellaría todas as institucións viguesas. A Rúa Galicia artellaría o urbanismo vigués, esta une os pazos Municipal e Rexional e a estación marítima. Ao longo da rúa se ubicarían consulados, cámaras industriais e comercio, e hoteis.

Palacios xa tiña clara a importancia do turismo para o desenvolvemento económico da cidade. Compróbase coa construción deses hoteis e coa formulación dun urbanismo para a praia de Samil, que se basearía na construción de chalés inspirados na casa tradicional galega.

O plan foi presentado en 1919 nunha conferencia en liñas xerais. Gustou e elaborou todo o plan que presentou no pazo de Castrelos en 1932. Ao final o plan non se levaría a cabo por pretender o “arrasamento de boa parte do tecido urbano” para construír a Rúa Galicia. O plan que ordenaría o caótico urbanismo vigués ata o ano 2100 non se levaría a cabo, e a improvisación volvería a ser a protagonista das accións urbanísticas na cidade olívica.

Galicia no seu punto de mira

A exposición, na que tamén observamos o desenvolvemento de Palacios noutras artes como a pintura ou a escultura, remata con outra proba do amor pola súa Galicia do “construtor de Madrid”. Dos numerosos traballos que desenvolveu en Galicia destaca o Templo Votivo do Mar en Panxón, que os textos de Jesús Ángel Sánchez García define como “a súa obra de arte total” porque o arquitecto está en control de todos os elementos, dende a arquitectura ata a decoración interior e exterior.

Pode que che interese...