fbpx
Parque Compostela Rupestre / foto compostelarupestre.gal

Denuncian “120.000€ gastados en propaganda” no canto de “coidar petróglifos”

Tempo de lectura: < 1 min.
A posta en marcha do proxecto ‘Compostela Rupestre‘ por parte da Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brion, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra, após catro anos, non serviu para nada en canto ao coidado de petróglifos “permanentemente ameazados”. Iso veñen de denunciar as asociacións ‘UMIA VIVO’ e a ‘Irmandade Illa de Tambo’ xunto ao ‘Colectivo poa defensa do patrimonio A FORNEIRIÑA e o ‘Colectivo poa defensa do territorio ANOVATERRA’.
Moi críticos coas diversas administracións públicas implicadas no proxecto, estas entidades sosteñen que “non se cumpriu dende a sua creación con ningunha das prioridades para a xestión dos petróglifos”. Así, e segundo censuran, a pesares do orzamento de 500.000 euros previsto para ‘Compostela Rupestre’, os gravados rupestres dos concellos atópanse “inaccesibles ou rodeados de toxo”.
“Alá van preto de catro anos perdidos e 120.000 euros gastados en burocracia e propaganda”, lamentan ao tempo que reproban que ‘Compostela Rupestre’ utilice o “traballo alleo de asociacións e colectivos” para a súa propaganda. Neste senso, indican que é especialmente “grave” o caso do Concello de Santiago, pois “limita o investimento público á promoción e información turística da Catedral e o casco histórico da cidade, ocultando o patrimonio disperso polo territorio, en especial os petróglifos”.
Ademais, as entidades apuntan que os responsables do proxecto non atenderon ás reclamas que fixeron ao comezaren a inciaitiva: “No 2018 mantivemos entrevista con eles insistindo na necesidade actuacións concretas de desbroce e sinalización, tendo en conta os reiterados precedentes de afeccións por incendios, obras ou traballos forestais”.

Pode que che interese...