fbpx
Búscase no Cemiterio de San Pedro de Filgueira, en Crecente, o corpo de César Alberte Domínguez, natural de Arnoia (Ourense), onde traballaba como carpinteiro, sendo concelleiro en 1936 / USC

Só se poderán identificar a tres dos 18 asasinados polos fascistas na foxa de Vilagarcía de Arousa

Tempo de lectura: 2 min.

O persoal investigador que integra o Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia no que toma parte a USC deu conta este 13 de xaneiro dos traballos que nos meses de setembro a decembro se levaron a cabo no cemiterio municipal de Vilagarcía de Arousa. Uns traballos que se centraron “nos enterramentos irregulares que os golpistas de 1936 realizaron no cemiterio municipal”, tal e como sinalaron dende o grupo de investigación Histagra da USC. Así, explicáronse as tarefas de documentación, exhumación, análises forenses e xenéticas que neses meses foron executadas.

Tras a consulta documental e do fondo oral de Terra e Memoria, Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo; así como a través de entrevistas realizadas de novo, “concluíuse que, dos 18 corpos susceptibles de estar na foxa, tan só poderemos identificar a tres, xa que o resto ou ben desapareceu baixo novas construcións do cemiterio, ou ben non hai parentes vivos”, sinalan os investigadores no informe que resume as actuacións desenvolvidas ata o de agora.

Tras esta primeira xuntanza, o equipo investigador trasladouse á sede da asociación ‘O faiado da Memoria’ onde puideron amosar estas achegas ás familias das persoas asasinadas, alén de agradecerlles a súa colaboración e plena disposición á hora de colaborar nas tarefas de pescuda.

Crecente

Como se especifica no informe que resume as actuacións do Plan, ademais da de Vilagarcía, levouse a cabo a exhumación dunha das foxas de Crecente, a situada no atrio da igrexa de San Pedro de Filgueira, “aparecendo restos de corpos que, nunha primeira análise forense semellan compatibles co que buscamos, o carpinteiro de Arnoia César Alberto Domínguez”. Os outros dous enterramentos, tras o estudo histórico realizado, a consulta de arquivos e as fontes orais, foron localizados baixo as augas do embalse de Frieira, o que imposibilita as tarefas de exhumación e análises posteriores.

Chamamento público

O contacto cos axentes sociais é imprescindible”, sinalou o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto. “Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativos ás mesmas”, engadiron dende este grupo de investigación da USC. Pódese contactar con Histagra no mail  histagra@usc.es ou no teléfono 881 812 734.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: