fbpx
Situación actual do Portelo do mosteiro medieval de San Xián de Caldas de Cuntis, completamente remexido do seu lugar orixinal / remitida

Así está o “Portelo de San Xoán”, vinculado ao mosteiro altomedieval de San Xiao de Caldas de Cuntis

Tempo de lectura: < 1 min.

A Plataforma Termal para a Recuperación do Patrimonio Termal (Cuntis), colectivo que leva anos traballando a prol dos bens públicos ligados á auga (e en xeral ao patrimonio) alerta da situación na que se atopan os restos da entrada do mosteiro altomedieval de San Xiao de Cuntis coñecido como o “Portelo de San Xoán”.

Este elemento, rexistrado na Consellaría de Cultura (Delegación de Pontevedra) correspondente ao casco histórico de Cuntis (clave GA36015011) leva dende hai un tempo deteriorado, “pois alguén de forma consciente retirou un dos seus perpiaños para arrimalo contra unha parede de nova construción”, denuncia.

Este elemento pétreo é un dos restos existentes do mosteiro altomedieval de San Xiao de Caldas de Cuntis, entregado á igrexa compostelá –concretamente en 1116– pola raíña Urraca. Recollía esta gorentosa dádiva o bispo Diego Xelmírez. Diversos manuscritos do século XVIII, algúns conservados na Real Academia de Historia (Madrid), constatan a existencia de restos arqueolóxicos funerarios (altomedievais) nese mesmo predio.

Este elemento arquitectónico –o Portelo de San Xoán– figuraba na páxina web do concello de Cuntis vinculada á divulgación turística do patrimonio municipal, así como en publicacións recentes de diversa índole. Por iso, esta entidade pide a restitución do ben ao seu estado orixinal.

“Non se pode divulgar o patrimonio e non loitar pola súa conservación. Non se pode buscar turismo de calidade como fonte de desenvolvemento local e propiciar, promover ou consentir tanto a deterioración dun casco histórico (hoxe en estado calamitoso) e de cada un dos elementos simbólicos da nosa historia e do acervo cultural do municipio cuntense”, indica nun comunicado.

Pode que che interese...