fbpx
Emprazamento da Aldea de Pena / Breogán Arqueoloxía vía culturagalega.gal

Atopan unha aldea arrasada hai 500 anos que cambiaría a historia do Couto Mixto

Tempo de lectura: 2 min.

Durante a Idade Media e nos primeiros intres da Idade Moderna, os conflitos nas fronteiras con Portugal eran constantes, principalmente polo difusos que eran os límites entre os reinos. A tradición oral das aldeas de Calvo de Randín (Ourense) recolle a historia da desaparición da aldea de Pena, que foi queimada por un grupo armado de portugueses. O acto violento provocou o abandono do lugar. Esta lenda agora pode ser un feito histórico grazas ao proxecto arqueolóxico de recuperación desa aldea promovido polo Concello de Calvo de Randín.

A tradición oral do concello de Calvos de Randín conta que hai séculos o Couto Mixto estaba composto por catro aldeas, das que hoxe perviven tres: Santiago e Rubiás (Calvos de Randín) e Meaus (Baltar). A cuarta, a desaparecida aldea de Pena, situábase entre Santiago e Vilar.

Como recolle culturagalega.gal, houbo que quixo roubarlle aos habitantes do Couto Mixto “o froito do traballo”. Os labregos negáronse e comezou un enfrontamento cos señores do Castelo da Picoña. Estes últimos enviaron homes e cabalos para queimar as casas. Só as mulleres e os nenos puideron salvarse fuxindo a Santiago ou Rubiás.

Os acontecementos ficaron vivos en todas as aldeas da redonda, que continuaron a usar as terras próximas na aldea e a visitar aquelas ruínas, ata que o despoboamento e abandono do rural ocultou a aldea con maleza, como describe no seu artigo o divulgador, xornalista e profesor da USC Manuel Gago.

No outubro pasado a empresa Breogán Arqueoloxía acometeu a limpeza do recinto arqueolóxico, xa catalogado pola Xunta, dentro dun proxecto de recuperación do castelo da Picoña. O proxecto, promovido polo concello de Calvos de Randín e financiado por Turismo da Xunta de Galicia, busca recuperar e poñer en valor este importante enclave fronteirizo medieval, que pasou de mans portuguesas a galegas ao longo da historia, así como algúns sitios arqueolóxicos próximos conectados historicamente coa fortificación, como a Tumba do Rei da Picoña, unha necrópole altomedieval, ou a propia aldea de Pena. Máis información en culturagalega.gal.

Pode que che interese...