fbpx
O ponte do Burgo debuxado en 1669 por Pier María Baldi / CIAG vía Faro de Vigo

Estaba ben alimentada a Galicia do Medievo?… coñece como se comían na Pontevedra da Idade Media

Tempo de lectura: 2 min.

A alimentación das persoas é un factor que nos pode chegar a explicar moito das condicións de vida das persoas que habitaron o noso espazo séculos atrás. Este foi o obxectivo da investigadora da USC, Olalla López-Costas, no seu artigo Pontevedra, a cidade que floreceu na Baixa Idade Media: adentrándonos na dieta medieval a través dos restos humanos, publicado polo Consello de Cultura Galega dentro da publicación Galicia no tempo de Afonso X, editado por mor do 800 anos dun dos reis máis famosos da nosa historia.

A cidade de Pontevedra experimentou a súa época de máximo esplendor na Idade Media, entre os séculos XIII e XVI. A súa situación estratéxica no Camiño de Santiago outorgoulle certos privilexios reais para a súa protección. A finais do século XII, a cidade foi cedida á Igrexa compostelá por Fernando II, e Afonso IX, durante o século XIII, concederíalle o privilexio sobre a seca, o transporte e a venda do peixe, especialmente as pescadas e o saín das sardiñas.

A partir de 1250, fórmase un grupo de goberno semellante ao dun concello que lle permitiu máis liberdade para que a vila se adapte ao seu crecemento que lle permitiu ser a localidade máis importante das Rías Baixas. A preparación e exportación de pescada, congro e sardiña eran a especialidade de Pontevedra, o cal tivo un efecto na súa dieta.

A ALIMENTACIÓN DA PONTEVEDRA MEDIEVAL

A través da análise dos restos humanos atopados en dous dos (Santa María e San Bartolomeu) tres cemiterios escavados (San Domingos non se estudou pola súa mala conservación), describiuse a alimentación que tiñan os pontevedreses do medievo. Ademais das 63 adultos, analizáronse 26 mostras de animais para unha análise máis certeira e da xestión do gando.

A dieta dos cidadáns da Pontevedra dos séculos XIII ata o XV baseábase nos produtos mariños e de plantas, especialmente millo ou cereais e legumes de cultivo propio. Estes alimentos son característicos non só en Pontevedra, senón que se podían ver tamén nas mesas das demais localidades das Rías Baixas onde os produtos derivados do gando eran moi escasos.

Aínda así, atópanse diferencias na mesma capital de provincia. Na zona de Santa María, onde residían os gremios relacionados coa mar, os pontevedreses tiñan acceso a peixe que adoitaba ser destinado á exportación como a pescada, o congro ou o polbo. Pola súa contra, San Bartolomeu, unha zona orixinada para meter á poboación que non cabía en Santa María, comíase peixe que non se exportaba.

A DECADENCIA DA CAPITAL

Segundo os datos recollidos nas mostras analizadas por Olalla López-Costas, a partir do século XV comeza a decadencia da cidade. As novas técnicas de pesca provocaron a sobrexplotación da ría xusto nunha época no que a produción de cereais, o outro alimento chave, decaeu. A cidade chegou a pasar por diferentes períodos de fame xa que o peixe que capturaban tiveron que usalo para pagar os excesivos impostos. Co empeoramento das condicións climáticas e carestía de alimentos, Pontevedra perderá o seu predominio nas Rías Baixas en favor doutras vilas como Vigo ou Noia.

Pode que che interese...