fbpx
A panificadora de Vigo dende a fortaleza de San Sebastián / Samuel Pérez

O patrimonio industrial de Galicia… Unha riqueza cultural en vías de desaparición

Tempo de lectura: 4 min.

Na última década estamos sufrindo unha perda de actividade industrial. As fábricas pechan e os espazos que ocupan son, nunha gran parte dos casos, abandonados. Como no caso do resto do patrimonio, as administracións teñen que buscar unha solución ao patrimonio industrial tan estendidos en Vigo, Ferrol ou, inclusive, A Coruña.

O caso de Vigo é de especial relevancia. A cidade converteuse nunha das máis importantes de Galicia economicamente grazas a súa actividade industrial que se baseaba no naval e nas conserveiras. Debido ás sucesivas crises e á falta de adaptación por parte das administracións públicas, moitas fábricas abandonáronse e non se lles volveu a dar ningún uso e agora se atopan en ruínas, ou desaparecidas.

Porto de Vigo / Samuel Pérez

CONCIENCIACIÓN

A cuestión está en saber que facer con estes edificios que axudaron ao desenvolvemento das nosas cidades. O primeiro paso é convencer aos cidadáns de que estes elementos sexan recoñecidos como patrimonio, como lugares a conservar, restaurar, transformar. Este só se pode conseguir coa divulgación.

Como defende a arquitecta e especialista en urbanismo do estudo NONCOMMON Iria Sobrino, “hai que ir asentando a cultura dende pequenos, a través de didácticas. E, cando vas crecendo, a través doutros tipos de didácticas, que se fale das cousas para ser conscientes do que existe e non quedarnos só co que se perdeu”. A partir de aí, a xente demandará a protección destes elementos patrimonios ou a súa transformación en espazos públicos.

A fábrica “La Artística” abandonada en Vigo / Samuel Pérez

ESPONXAMENTO

O esponxamento é un proceso que procura converter eses espazos industrias, catalogados ou non como patrimonio, en espazos públicos. Non teñen porque ser só prazas públicas, poden adicarse a museos, parques ou mesmo equipamentos. O único proceso que non se debería promover, sobre todo cando a fábrica está situada en lugares moi edificados (na “cidade compacta” en termos urbanísticos”), é a edificación de vivenda, xa que se trata de “introducir aire” na cidade.

A oportunidade que nos ofrece o patrimonio industrial son grandes espazos que xa teñen creados os fluxos para converterse en espazos de esponxamento público”, explica Iria Sobrino. As fábricas, ao ser un espazo de traballo, xa teñen creadas as vías para chegar alí, é dicir, funcionan como un imán.

A PANIFICADORA

Este é o caso máis paradigmático da cidade olívica. Este edificio de carácter industrial é dos máis característicos da cidade. Marcou a contorna, os seus 10 cilindros vénse dende toda a cidade. E a súa situación a carón do Concello de Vigo fíxoo referencia, a pesares de non pertencer as industrias do mar ou do automóbil. Asimesmo, esta fábrica facía pan para hospitais, o seu pan non era do gusto dos cidadáns, pero o seu valor é simbólico, “con múltiples valores patrimoniais” como detalla a arquitecta e especialista en urbanismo Iria Sobrino.

Aínda así, grazas ao traballo de diversos actores sociais como a propia Sobrino, conseguiuse convencer á cidade, aos seus cidadáns da importancia da panificadora. Estaba proxectado que se edificara no enclave da fábrica, mais grazas ao pulo dos cidadáns e á caída do plan urbanístico de 2008 permitiuse a súa protección. Agora, cóntase co apoio do Concello para facerse con esta propiedade e darlle un uso público. Polo momento, falouse dun espacio destinado ás persoas maiores e a uso deportivo. Aínda así, o plan aínda non foi publicado na súa totalidade.

A FÁBRICA DE ÁLVAREZ

Interior da fábrica de Álvarez en Cabral (Vigo) / Atlántico

A fábrica de porcelana de Santa Clara de Empresas Álvarez é outras das fábricas que están na memoria dos vigueses. Os seus 105000 metros cadrados de parcela industrial están totalmente en ruínas, parte dos seus edificios xa foron derrubados. Despois de máis de 20 anos no esquecemento, o novo PXOM da cidade que foi presentado o pasado ano inclúe certos elementos destas instalacións como elementos a conservar. Como indica Atlántico, “A protección límitase ao edificio central, se pode ser conservada,  terá que manterse ao igual que a cheminea, un elemento a restaurar”.

Estas instalacións albergaron actividades industriais relacionadas coa porcelana dende 1941. A caída en desgraza de Empresas Alvárez, o grupo empresarial do que formaban parte, comezou en 1976 cando foron adquiridas polo Instituto Nacional de Industria. Tras 15 anos en mans públicas e non mellorar a súa situación financeira, o grupo valenciano Estudesa comprou as fábricas de Álvarez. Os seus traballadores sufriron despidos, suspensións de pagos e varios procesos de compra ata que no ano 2001 pechou as súas portas.

A FÁBRICA DE ALFAGEME

Fábrica conserveira de Alfageme, pechada e abandonada dende 2010 / Samuel Pérez

O barco de Alfageme situado na rotonda do Alcampo de Coia causou moita crítica na cidade, mais Alfageme e, en especial, a fábrica de conservas Alfageme tivo un grande impacto na zona de Bouzas-Coia. A conserveira daba traballo a 400 persoas da zona e estivo activa dende 1928 ata 2010, despois de entrar en varios procesos especulativos dende 2006.

Este edificio conta tamén con múltiples elementos con valores patrimoniais importantes, en especial destacan as dúas fachadas do edificio principal. A pesar de estaren recollidos moitos dos seus elementos como elemento patrimonial a conservar, a propiedade pertence a mans privadas, ABanca (49%) e a Promotora Alisenda (51%). Aínda que o Concello teña pensado adicar unha parte a uso cidadán, hai que ter en conta as condicións da propiedade privada.

Tanto, Alfageme como a fábrica de Álvarez son espazos que poden (e deberían) ser suxeito de procesos de esponxamento e pasar a ser a mans públicas para o uso do cidadán. Outros exemplos son as fábricas de La Artística ou Moahsa, que tamén pertenceu o grupo empresaria de Álvarez. Ambas atópanse en situación de abandono e ruína.

Pode que che interese...