fbpx
A primeira sala da exposición fotografica na que se emite un vídeo de 5 minutos sobre o autor / Samuel Pérez

Os brancos e negros da exposición de Peter Lindbergh

Tempo de lectura: 4 min.

Dende decembro levamos observando anuncios e novas sobre a exposición do fotógrafo polaco Peter Lindbergh. Un fotógrafo que destacou no mundo da moda, chegando a revolucionar este eido da fotografía grazas, en parte, aos seus puntos de vista máis narrativos.

A exposición está situada no Porto da Coruña, nun espazo industrial reacondicionado para a ocasión pola arquitecta Elsa Urquijo e que asombra ao espectador. Decenas de persoas atopanse neste instante están a observar esta exposición. A súa promoción foi a principal pola que miles de persoas xa a visitaron, nótase a man de Marta Ortega neste aspecto. É posible que outros eventos culturais de calidade semellante non terían sido tan exitosos sen este nivel de promoción.

O CARIÑO DO MUNDO DAS GRANDES PERSONALIDADES

A exposición de Peter Lindbergh na Coruña / Samuel Pérez

As naves industriais negras co nome do fotógrafo reciben ao espectador xunto a un edificio gris, que é o primeiro no que te fixas a pesar de ser a cafetería. Camiñas un pouco cara ao fondo do recinto e atopas unha pasarela con fotografías e con mostras de cariño de diversas personalidades cara o fotógrafo.

Estas mostras de cariño son pequenos extractos a partir dunha serie de 22 entrevistas para o libro Raw Beauty de Michael Brenson sobre Lindbergh. Entre as figuras máis recoñecibles atópanse a cantante Rosalía ou a actriz Penélope Cruz. “Esta exposición é para Galicia”, di o extracto de Marta Ortega, curioso tendo en conta que todos estes textos están só en castelán.

EXPOSICIÓN DE BRANCOS E NEGROS

Unha vez pasadas as palabras de honra cara o autor, chegamos a exposición. O negro é unha constante, dende que entras na primeira sala de exposición, gratuíta por certo. Alí atopamos unha sala escura cunha gran pantalla de fronte e varias nos laterais. Estase a expoñer un pequeno vídeo de Lindbergh no que describe a súa forma de entender a fotografía, a súa forma de retratar: “é imposible retratar a unha persoa nunha fotografía”.

O fotógrafo destaca polas súas reportaxes fotográficas sempre en blanco e negro. Ambas cores non só destacan nas imaxes, senón tamén no espazo. Na primeira sala, Manifest, destaca o negro. As fotografías cobren todas as paredes da sala e foron escollidas minuciosamente polo propio autor. A exposición foi deseñada por el mesmo antes da súa morte no 2019.

AS PERSONALIDADES E A EXCEPCIÓN

Unha vez pasado este espazo, que aos ollos do visitante é unha introdución xa que a maior parte deles agrúpanse na seguinte sala, atopamos unhas paredes brancas cadros coas fotografías de Lindbergh. Nelas observamos varias caras familiares como Leonor Watling, Rosario Flores, Uma Thurman, Naomi Campbell, Nicole Kidman ou Kate Moss. Todas figuras de ámbito español e internacional.

As fotografías destacan pola busca dunha beleza máis natural. O estilo de Lindbergh destaca pola “súa crenza de que a beleza individual reviste un carácter polifacético e de que existe autenticidade na imperfección”, como recolle a páxina web da exposición da Coruña, única en España e a terceira cidade do mundo en acollela tras pasar por Alemaña e Italia.

A segunda sala da exposición de Peter Lindbergh que componse de máis de cen fotografías / Samuel Pérez

Entre as 152 fotografías comisariadas polo propio Lindbergh, só unha atópase en cor. Trátase dun prato de comida, é dicir, o único elemento de toda a exposición que non se atopa en branco e negro é no que non aparece ningún rostro. Aínda que é unha foto que debería resaltar pola súa anomalía, case ninguén se para a observala.

A CONCIENCIA SOCIAL DE LINDBERGH

A exposición non remata aí, xa que aínda queda unha sala máis. Esta é a que ten máis contido, xa que é a única na que a arte de Lindbergh trata claramente de buscar unha reacción no espectador máis aló de retratar unha personalidade. Unha reacción de conciencia ante a pena de morte que é legal en moitos dos estados dos Estados Unidos.

Un dos rostros, e o reflexo doutros, do preso fotografíado por Lindbergh

A sala está dividida en dous espazos, ambos están pintados de negro. No primeiro atópanse unha instalación cinematográfica que recolle unha metraxe de 30 minutos dun preso condenado á morte en Florida. As expresións do preso, o seu sufrimento, atraparon as miradas dos visitantes tamén nas fotografías do segundo espazo desta sala. Nesta tamén hai un texto  en inglés, onde quedaría Galicia e o seu idioma- que explica esta parte da explicación, recalcando a conciencia social de Lindbergh.

Xa vistas as tres salas non queda outra que volver por onde vistes, observando outra vez esas fotos en branco e negro que semellan escenas de películas. Aínda así, como comentaba unha parella ao saír da exposición, cando saes non hai unha sensación de coñecemento, si de certo interese. Pero, un interese que xorde pola complexidade e pouca accesibilidade para un público maior, tanto por temas de lingua, como por faltas de explicacións que che fagan comprender a obra dun dos pioneiros da fotografía de moda.

Pode que che interese...