fbpx
Campá de 1604 elaborado por D. Lope de Ballesteros

Os cambios dunha campá do século XVI que aínda resiste na Facultade de Historia de Santiago

Tempo de lectura: 3 min.

A finais de xaneiro do presente ano, tiveron que baixar as dúas campás do reloxo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, posto que unha delas, corría un serio risco de vir abaixo. Agora, gardadas no seu claustro á espera de voltar á espadana do reloxo, alí descansan para ollalas ou estudalas, que mellor sitio, non si?

Este foi o meu caso, con permiso do Decano Marco García Quintela e coa axuda do amigo Manolo Gago, profesor de xornalismo na mesma universidade, fun a sacarlle fotografías e a estudar as súas inscricións. Unha delas fíxome cóxegas no estómago cando lin a súa inscrición. Aí dinme conta de que era unha das dúas campás fundidas polo veciño de Santiago e de orixe cántabra, o mestre campaneiro d. Lope de Ballesteros.

Segundo escribiu Pablo Pérez Costanti no seu libro “Viejas notas galicianas”, en 1589 falouse ou tratouse de colocar un reloxo no famoso Colexio de Fonseca, pero non foi ata dez anos máis tarde no que se lle deu para adiante. Entre reforma e reforma do proxecto, colocouse a primeira pedra da torre do reloxo en 1601. Catro anos despois, en 1605, aínda non rematada de todo, colócase o “chapitel” de ferro forxado elaborado por d. Francisco González; veciño de Pontevedra, e colocándolles as dúas campás fundidas por d. Lope de Ballesteros; a campá das horas e dos cuartos. A dos cuartos quebraríase en 1656 fundíndoa de novo desta vez por outro mestre campaneiro de nome D. Simón da Costa. Entre as vicisitudes que tivo esta torre ó longo da súa historia, a mediados do século XIX aínda se podían ver o chapitel a as campás ademais dos restos do xa inutilizado reloxo. Por un acordo da “Junta de Decanos”, de 21 de maio de 1851, dispúxose o traslado das campás para o edificio da Universidade, pois habendo un sobrante aproximado de once mil reais, dos fondos consignados a gastos de material, do ano anterior, investíronse na construción dun reloxo. O mestre de obras D. Angel Casas correu coa construción da espadana deste reloxo, pagándoselle en decembro o importe das mesmas. Ata aquí, Pérez Costanti deixou escrito.

Reloxo monumental de 1852 fabricado en París

A campá das horas do Colexio de Fonseca convertiríase na campá dos cuartos da Facultade de Historia, pois a outra, máis grande, e polo tanto máis pesada, sería á das horas, que foi fundida en 1735 polo mestre cántabro aveciñado en Santiago D. Francisco Antonio Blanco. A campá orixinal do Colexio de Fonseca de Lope de Ballesteros, ten unhas medidas de 273 cm de circunferencia, polo tanto uns 87 cm de diámetro que fai que teña un peso duns 382 kg. Pegado ós tres cordóns do Terzo da campá pola parte darriba ten marcado o ano da campá “1604”. Entre os tres cordóns superiores do terzo e os dous inferiores, sitúase a seguinte inscrición: “IHS ⁎ MARIA RELOS DELA VNIVERSIDAD DESANTIAGO qUE ԷVNDO DON ⁛”. No Medio da Campá sitúase unha cruz con pedestal formada a base de estrelas. No Medio Pé da campa, entre os dous cordón superiores e os tres inferiores sitúase a continuación da inscrición: “ALONSO ⁑ DE FON SECA ARCO BISPO DE SANTIO ⁑ DE CON POS ⁑ TELA ⁚ ⁚ ⁝ANODE 1604 ⁝ DA ⁝” (IHS María; IHS é o anagrama de Xesús en grego, Reloxo da Universidade de Santiago que sendo Don Alonso de Fonseca Arcebispo de Santiago de Compostela, Ano de 1604).

Esta campá, fermosa e en bo estado gustaría de soar nun futuro próximo ao reloxo que hai debaixo da espadana e que actualmente está avariado pero que ten arranxo. O reloxo de torre ou monumental, foi fabricado en París no 1852 asinado por Jean Wagner “Neveu”. Trátase dun mecanismo do tipo “moderno” do século XIX con trens aliñados horizontalmente sobre unha armadura de ferro.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...