fbpx
Pintura de dona Urraca

Urraca, Tareixa, Berenguela ou Violante… Así era o poder das mulleres da familia real no Reino de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

As raíñas medievais e as demais mulleres que compoñían a familia real eran unha peza clave dentro do reino de Galicia tras a incorporación ao Reino de Castela. Ademais de seren as grandes defensoras dos ideais espirituais e protectoras da fe cristiá, elas podían ser o símbolo retórico da unidade da familia real e un recurso de estabilidade e bo goberno do reino.

Así o sinala a profesora da USC, Diana Pelaz Flores, no seu artigo Facerse presentes. As mulleres da familia real castelá e o reino de Galicia na culminación plenomedieval,publicado polo Consello de Cultura Galega dentro da publicación Galicia no tempo de Afonso X, editado ao facerse os 800 anos dun dos reis máis famosos da nosa historia.

O PAPEL DAS MULLERES DENDE AFONSO X

Afonso X nas Partidas comentaba a necesidade de amar á súa muller do rei, porque unha vez casados, rei e raíña, era “como una cosa”. O matrimonio era a base do poder, que viña ditado polo divino. Neste mesmo documento, o Rei Sabio non trataría o poder das irmás do rei, que tamén eran importantes na política do reino medieval galego e do de Castela posteriormente. Sobre a raíña madre si había referencia no caso do exercicio da rexencia.

As princesas e infantas tiñan unha función chave: exerceren como raíñas estranxeiras. Este papel era especialmente relevante na súa influencia cultural e na transmisión de lexitimidade a través dos reis europeos. Os novos vínculos diplomáticos cos países veciños grazas ao matrimonio son de gran relevancia na “política” medieval.

A capacidade das raíñas para colaborar nos actos de goberno era recoñecida, Diana Pelaz Flores comenta que pode verse na confianza depositada nelas por parte dos seus maridos, irmás ou pais. A raíña Violante de Aragón é un dos exemplos que expón a autora galega cando a monarca negociou a paz en Córdoba coa “insurrecta nobreza”. Entón, a raíña non só expresou as palabras do rei, senón que as modificou para poñer fin á guerra dunha forma máis eficaz.

O poder rexio feminino no século XIII supón falar (…) da súa vontade por involucrarse na andadura monárquica e de recoñecemento externo”, afirma Pelaz Flores sobre o papel das raíñas e das mulleres, na súa busca da consolidación da monarquía.

OS PRIVILEXIOS

A meirande parte dos documentos que corroboran esta información pertencen os primeiros anos de cada reinado, cando eran expedidos os novos diplomas dos privilexios. Que eran estes privilexios confirmatorios? Era un dos instrumentos que tiña o poder rexio para asegurar exencións, doazóns de lugares ou recursos para mantemento. Estes privilexios, habitualmente, eran precedidos dunha comparecencia na corte na que se establecían lazos entre a monarquía e os estamentos galegos.

A raíña formaba parte das figuras que podían acordar estes privilexios. Un exemplo é o tombo do mosteiro cisterciense de Toxos Outos (A Coruña) que ten unha presencia de 11 once figuras monárquicas, das cales catro son raíñas: Tareixa de Portugal, Urraca de León, Berenguela de Castela e Violante de Aragón. A presenza da monarquía en Galicia era tamén representada polas mulleres rexias.

AS MULLERES DA MONARQUÍA EN GALICIA

Galicia non era un territorio frecuentado polas cortes castelás, mais a relevancia da Igrexa si provocou a involucración política da monarquía e das súas mulleres para defender os intereses do rei fronte a nobreza. Por exemplo, Dona Berenguela, durante a súa rexencia, reforzou esta ligazón entre Galicia e o reino castelán. Así lle concedeu o privilexio ao cenobio coruñés de Santa María de Sobrado.

Esta rexente chegou a seleccionar enclaves fronteirizos que foron confiados ás infantas, que eran as encargadas de representar a autoridade no territorio galego. A infanta dona Dulce entrégaselle a fortaleza de Santa Cruz xunto con dona Sancha. A ámbalas dúas nobres tamén se lle entregou lugares importantes economicamente como A Coruña. A súa actividade na cidade facilitou que se lle otorgase á cidade o monopolio do comercio e depósito de Sal de Galicia.

Pode que che interese...