fbpx
Felipe Criado-Boado diante do edificio Fontán, a nova sede do INCIPIT / Samuel Pérez

Felipe Criado-Boado (director do INCIPIT): “Estamos xerando xeracións que sobreviven encadeando contratos”

Tempo de lectura: 7 min.

O Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC ten a súa sede en Santiago de Compostela. O seu director, Felipe Criado-Boado, dirixe este grupo humano de 45 persoas que pensa en aumentar ata as 90. O INCIPIT está nunha fase de crecemento. Ademais, Felipe tamén coordina un dos 34 proxectos escollidos pola Axencia Europea de Investigación (ERC) para recibir a axuda do programa 2020 Synergy Grant. “Mentes materiales. Estudio de las interacciones entre el cerebro predictivo, los artefactos culturales y la exploración visual é o título desta investigación multidisciplinar beneficiada con 10 millóns de euros.

É un pioneiro e referente na arqueoloxía da paisaxe, pero en que consiste esta especialidade?

A arqueoloxía da paisaxe intenta comprender o proceso histórico de formación e evolución da paisaxe cultural, natural, humana, e con datos, preguntas e metodoloxías de corte arqueolóxico. Por outra banda, a arqueoloxía da paisaxe é mirar obxectos e problemas da arqueoloxía cunha visión que pon todos eses problemas e obxectos nun contexto social maior que é o contexto paisaxe.

Por que se decantou pola arqueoloxía da paisaxe para a súa carreira na investigación?

Posiblemente chego a esa preocupación polo espazo por unha razón moi concreta: o meu pai era pintor, Felipe Criado. El ensinoume a mirar a paisaxe. Despois, nun momento moi primeirizo comezo a traballar sobre o megalitismo. Eu estaba orientado a facer unha arqueoloxía máis convencional. De súpeto, deime de conta de que as ferramentas habituais da arqueoloxía non me permitían dicir moitas cousas do megalitismo. Esas preguntas foron as que me levaron a finais dos anos 70, principios dos 80 a preocuparme de cousas que logo maduraron na arqueoloxía da paisaxe.

Cando xorde a arqueoloxía da paisaxe?

Remonta ao período de entreguerras que vai da man da xeografía histórica. Aí hai unha gran xeración de arqueólogos británicos que neses anos abordan eses problemas da xeografía histórica dende a arqueoloxía e comezan a facer xa unha arqueoloxía da paisaxe. Pero isto ata certo punto se esquece pola eclosión do funcionalismo, da arqueoloxía científica, positivista nos anos 50, 60, 70. España e Galicia quedaron totalmente fóra da primeira xeración de arqueoloxía da paisaxe e, tamén deste novo desenvolvemento da arqueoloxía positiva.

Cando se recupera a arqueoloxía da paisaxe?

A partires dos anos 80 recuperase a preocupación pola paisaxe, comézase a enfrontar ao problema paisaxe aproveitando eses outros desenvolvementos novos da arqueoloxía dos anos 60 e dos anos 70. Fomos autores españois os que fixemos unha combinación heterodoxa da arqueoloxía funcionalista con novas arqueoloxías posprocesuais.

Que autores destacaron xunto con vostede?

Juan Vincent fai arqueoloxía social da paisaxe a mediados dos 80 no CSIC en Madrid. Javier Sánchez Palencia fai arqueoloxía da paisaxe en época romana. Autores andaluces como Arturo Ruíz ou Francisco Noceda fan arqueoloxía marxista da paisaxe. Autores cataláns coa escola da arqueoloxía precapitalista catalá fan unha aproximación distinta á paisaxe. E, desde Santiago de Compostela, propoño unha arqueoloxía da paisaxe moito máis preocupada pola relación da paisaxe coa racionalidade que funda as súas raíces. Nos anos 90 o propio de España foi a aposta polo desenvolvemento da arqueoloxía da paisaxe e o desenvolvemento por un movemento heterodoxo da arqueoloxía marxista.

E influíu a arqueoloxía da paisaxe galega noutras zonas?

A arqueoloxía da paisaxe española foi primeiro moi influínte en América latina e, simultanemante, comezou a ser moi influínte no Reino Unido, a través do mundo anglosaxón e a través da arqueoloxía posprocesual. . Pódese ver como as ideas dalgúns dos grandes arqueólogos posprocesuais do Reino Unido están bebendo de ideas que xa anos atrán en España e particularmente en Galicia. Pero isto último non está tan recoñecido como tería que recoñecerse porque aquí xoga outro compoñ ente interesante que é a relación entre centro e periferia no mundo académico.

Felipe Criado-Boado na Cidade da Cultura, onde se atopa o edificio Fontán, a nova sede do INCIPIT / Samuel Pérez

Houbo certa reticencia ao estudo destes aspectos nun principio?

En xeral, hai unha resistencia porque a arqueoloxía da paisaxe é algo distinto. En Galicia en particular xúntase con outras historias institucionais, historias da evolución dos círculos do poder que acompañan a modernización do sector científico, arqueolóxico, en Galicia nos anos 80-90. Creo que houbo certa resistencia, que foi un pouco dramática e suicida porque era unha arqueoloxía máis innovadora que se estaba en Galicia, e en certa medida en España. Era unha arqueoloxía que moita xente fóra de Galicia estaban recollendo como unha mostra do que se tiña que facer.

Cambiou esta situación nestes 30 anos de arqueoloxía da paisaxe?

Cambiou tanto que a min xa fai anos que me preocupa que a arqueoloxía da paisaxe chegou a ser para moita xente un novo paradigma, un novo marco que había que adoptar para non quedarse fóra. Simplemente ves moita xente que segue a facer a mesma arqueoloxía de sempre pero en vez de chamarlle arqueoloxía lle chama arqueoloxía da paisaxe. Isto me levou a apartarme da arqueoloxía da paisaxe canónica.

Que arqueólogos da paisaxe da nova xeración destacaría?

Teño que falar antes de nada de César Parcero, investigador científico do CSIC. El orientou, xunto con Pastor Fábrega, o seu estudo de arqueoloxía da paisaxe a través de tecnoloxías de análise xeográfico, xeoespaciais. Cómpre lembrar a Rebeca Blanco que neste momento deixou Galicia e está a traballar na Universidade do Minho como investigadora principal. Ela foi quen de facer unha combinación moi orixinal da arqueoloxía da arquitectura e a arqueoloxía da paisaxe.

En que consiste o seu novo proxecto?

Combina arqueoloxía, neurociencia, ciencia da visión e ciencia cognitiva para respostar unha gran pregunta: en que medida o mundo material que nos rodea, que en gran medida é creado pola humanidade, inflúe no proceso cognitivo.

Como chega a esa pregunta de investigación?

O meu progreso na arqueoloxía da paisaxe levoume a recoñecer conxeturalmente unha serie de grandes modelos de paisaxe cada un dos cales se relacionaba con grandes modelos de pensamento que se relacionaban con grandes modelos da sociedade. Na medida en que un pensamento e a sociedade son formas de artellar a posición da humanidade no mundo. Iso levárame a pensar que esta relación entre formas de paisaxe, pensar e de sociedade podíase vencellar con diferentes formas de mirar. Este modelo conxetural propúxeno a finais dos 90. Durante varios anos ía pulindo o modelo pero non probaba o modelo. Eu non fora quen de atopar un método científico para demostrar ou non a existencia conxetural deste modelo.

Como o atopou?

Puxéronme en contacto cun especialista en neurociencia da visión, galego, Luís Martínez Otero. Contactei, explícolle quu o meu modelo conxetural ligaba formas de paisaxe, con formas de pensar, formas de sociedade e formas de mirar. Entón, dime que si son as formas de mirar o que está implícito, podemos comprobalo coas metodoloxías que se empregan en neurociencia para analizar o sistema visual humano. Toma corpo un primeiro experimento no que intentamos ver como estilos de cerámica distintos podían ou non producir respostas visuais diferentes a partir da monitorización do comportamento visual. Descubrimos que unha cerámica campaniforme vese dun xeito distinto que unha cerámica do neólitico ou da cultura castrexa.

É un traballo interdisciplinar e moi amplo, cal é o principal problema deste tipo de proxecto?

Estamos catro investigadores principales: Luís Martínez, Andy Clark (un dos científicos cognitivos máis relevantes no mundo), Johannes Müller (arqueólogo) e máis eu. O problema básico da ciencia é un problema de confianza social. A construción de confianza baséase na construción de redes de confiabilidade que nos permitan a diferentes persoas compartir unha solución, unha resposta.

Como se solventa?

Todo o que permita construír redes de confianza ampliadas nun proxecto complexo de corte transdisciplinario permitirá que un proxecto saia adiante.

En que fase do proxecto vos atopades?

Comezando. Oficialmente comezou a finais do ano 2021 e estamos constituíndo o equipo. Na nosa nova sede vai estar a central experimental do proxecto e aínda hai que construíla e equipala. O primeiro ano do proxecto vai ser un ano fundamentalmente para crear a enxeñería do proxecto.

Como é a situación actual da investigación?

A investigación en xeral vai ben. Acabamos de ser testemuñas, o verdadeiro prodixio en case un ano dar varias vacinas diferentes para o Covid mostra que o sistema de investigación dispón dos medios, do talento, dos medios materiais, dos recursos para mobilizar xentes e equipos para ser quen de responder a grandes problemas.

E cal é a situación do investimento en ciencia?

Ao lado diso o sistema de ciencia presenta problemas moi graves. O problema esencial é o problema de financiamento, un dos grandes sistemas dos problemas de ciencia neste momento é que por culpa das baixas taxas de financiación pública existentes, os índices de éxito de todas as convocatorias é baixísimo. Isto, ademais, afecta á captación de talento e á incorporación de xente nova. É un sistema moi precario. Estamos xerando varias xeracións que teñen que sobrevivir encadeando contratos.

En que situación se atopa o patrimonio galego?

Creo que ao lado de certos elementos patrimoniais ben conservados e dunha normativa moi garantista, está a ocorrer que a consecuencia da transformación absoluta da sociedade galega. O abandono do rural, o xurdimento dun mundo posrural no que xorden novos usos do chan, rómpeche totalmente o sistema de equilibrios tradicional e fai que o patrimonio arqueolóxico estea moi ameazado. A conservación do patrimonio entra en contradición cos intereses lexítimos para xerar novos nichos de ocupación, de ocio e de emprego. É aquí onde se está a dar un problema importante. Non estou seguro de que a administración de patrimonio galega que por veces foi tremendamente pioneira estea adaptándose ás exixencias dun patrimonio que para garantir a conservación e o seu uso social. A administración de patrimonio ten que abrazar o patrimonio público, o patrimonio cidadán e me parece están de costas.

En que se base a arqueoloxía pública?

A arqueoloxía pública é facer arqueoloxía coa xente, é dicir, poñer a xente no centro da actividade arqueolóxica, a xente que está vencellada co xacemento. A arqueoloxía pública propón formas de recuperación e construción do aprecio co patrimonio traballando coa xente. Non se pode conservar aquilo que non aprezas.

Como inflúe o sistema político na conservación do patrimonio?

Estamos nun sistema económico cun problema absoluto de crecemento. O crecemento colisiona co gran problema da nosa época que é a emerxencia climática. A expansión de recursos choca coa conservación do patrimonio. Non podemos seguir mantendo un modelo económico que precisa un crecemento destrutivo do noso entorno.

No seu artigoEn contra do populismo reaccionario: cara a unha arqueoloxía pública” tamén fala do perigo do avance das forzas de ultradereita

Todos os radicalistas de dereitas enfatizan na tradición, no patrimonio, na identidade. Pero en vez de producirse un crecemento uniforme e harmónico de todo os diferentes eixos patrimoniais, prodúcese unha priorización dun segmento do patrimonio. Ademais, o gran problema dos populismos reaccionarios vai da man de políticas socioeconómicas que conservan ese modelo de desenvolvemento no que non hai futuro para o patrimonio.

Pode que che interese...