fbpx
Dolmen da Pedra Embarrada / Xunta

Protexido o dolmen que ten gravadas supostas figuras humanas

Tempo de lectura: < 1 min.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución pola que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acorda a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC) do dolmen da Pedra Embarrada, situado no lugar de Bieite de Abaixo, na parroquia de Santa María de Ferreira, no concello coruñés de Coristanco. Así, o dolmen da Pedra Embarrada foi inscrito no rexistro de BIC como ben inmoble polas manifestacións de arte rupestre que contén, segundo recolle o DOG.

“A actuación arqueolóxica conclúe que unha das laxas da cámara do dolmen presenta na súa cara interna varios gravados que ocupan a parte intermedia do ortostato e están feitos con surcos de entre 2 e 3 centímetros de anchura e apenas 1-2 centímetros de profundidade. Presentan unha sección en U, unha característica habitual na arte prehistórica que denota que se realizaron por abrasión, sen empregar obxectos metálicos na súa execución. Entre os motivos destacan polo menos tres elementos abstractos subrectangulares e dous triángulos, que se asemellan a figuras humanas esquematizadas, aínda que isto é moi dubidoso”, explica a resolución.

Ademais, destaca que os catro motivos subrectangulares, “cunha lixeira forma de xerra, son equiparables aos que se localizan noutros monumentos megalíticos do noroestete peninsular, como Dombate (Cabana de Bergantiños) ou Casa dos Mouros de Regoelle/Pedra da Arca (Vimianzo), entre outros.

Sobre os motivos investigados, os expertos sinalaron que, unha parte deles, só se puideron gravar antes de colocar as laxas na súa posición no interior da cámara, xa que quedan parcialmente ocultos pola laxa contigua, “o que reforza o seu carácter prehistórico”. Por tanto, vista a solicitude do Concello de Coristanto, a documentación presentada e o informe técnico Patrimonio decidiu inscribir como BIC o dolmen da Pedra Embarrada.

Pode que che interese...