fbpx

Coñece o mosteiro de Celanova cun novo “enigma” cada venres

Tempo de lectura: < 1 min.

“Fíxate ben.. Que está a facer?”. Esta pregunta, acompañada da fotografía dun detalle do mosteiro de Celanova é unha das propostas do proxecto “Enigmas de Celanova”. Esta iniciativa cultural propón aos usuarios de Internet preguntas relacionadas co complexo monacal de San Salvador para dar a coñecer o patrimonio da vila.

A través dos perfís das redes sociais do Concello de Celanova, da Biblioteca da vila e da Fundación Curros Enríquez ou solicitando participación a través de Whatsapp, os usuarios poderán achegarse ás curiosidades do lugar. Este reto virtual propón unha nova entrada cada venres, ao tempo que se resolve a da semana anterior.

Con esta iniciativa, invitan a veciños e usuarios das redes sociais a “mirar dunha forma máis detallada ou diferente as distintas partes do edificio, a fixarse en elementos que de primeiras non chaman a atención ou que achegan unha información que busca espertar a curiosidade”, como indica Paula Conde, responsable da Casa dos Poetas.

“Enigmas de Celanova” é un proxecto da Fundación Curros Enríquez e do Concello de Celanova, coa que tamén queren promover a participación dos veciños, animando a estes a enviar os seus propios enigmas. Máis información en La Región.

Pode que che interese...