fbpx
Obras no Cuartel de San Fernando de Lugo / Íñigo Mouzo

Na procura das 15.000 pezas romanas de Lugo dispersas en museos e casas particulares

Tempo de lectura: 2 min.

O patrimonio arqueolóxico lucense, da que é propietaria a Xunta de Galicia, está composto por máis de 15.000 pezas, dispersas entre unha ducia de instalacións públicas, de titularidade local, provincial e autonómica así como en numerosos domicilios privados de arqueólogo/as.

Dende o ano 1986 e ata aproximadamente 1993, o Concello foi depositario dun conxunto de materiais arqueolóxicos procedentes das escavacións realizadas na cidade, que actualmente se atopan distribuídas en diferentes centros. Só o Vello Cárcere acolle 1200 caixas con material diverso como cerámica, bronces, vidros, moedas, etc. Pero nos baixos da Casa da Xuventude hai polo menos 221 elementos líticos, entre muíños, basas/fustes de columnas e outros, así como un número indeterminado de ladrillos/tellas romanas e o almacén de Frigsa contén outros 100 obxectos máis.

Un compendio ao que cómpre engadir as 232 pezas que figuran en exposición na S.E Porta Miñá, 22 máis no C.A. San Roque, outras 9 na Casa dos Mosaicos e 13 no MIHL, así como nos xardíns da Praza do Campo Castelo onde se encontran 9 pezas líticas como sillares de acueducto, basas/fuste de columna ou escudos heráldicos.

Alén dos restos procedentes das últimas escavacións realizadas no termo municipal e que se atopan repartidos polo Museo Histórico Provincial, no Castro de Viladonga e no Balneario, así como nos domicilios de arqueólogo/as que, a título particular, ofreceron as súas vivendas para albergalos. “Vestixios que precisan dun inventariado rigoroso e dun lugar de referencia para o seu estudo e exposición xa que a súa ausencia está a dificultar a conservación dos xacementos, así como o desenvolvemento de actividades divulgativas, educativas e turísticas que esixen centralizar e unificar nun mesmo espazo o seu almacenamento e salvagarda”, sinalan desde o Concello de Lugo.

Museo da Romanización

O Executivo de Lara Méndez vén de acordar en Xunta de Goberno a aprobación da participación do Concello de Lugo nas axudas do Plan de Recuperación co obxectivo de acadar o financiamento que permita crear o Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, atendendo ao compromiso da rexedora coa cidadanía para recuperar o edificio e converterlo no epicentro da cultura romana do Noroeste Peninsular. Para iso, quere que a Xunta lle ceda esas 15.000 pezas.Toda a información no Lugo Xornal.

Pode que che interese...