fbpx

O Concello de Betanzos restaura seis escudos e dous medallóns

Tempo de lectura: < 1 min.

Os escudos da casa consistorial de Betanzos, deseñada por Ventura Rodríguez no s. XVIII están a ser restaurados, dentro dun programa de recuperación de patrimonio municipal do Concello de Betanzos. Un total de seis escudos, tres no interior e tres na fachada, así como dous medallóns decoran a edificación. Persoal técnico de conservación e restauración de bens culturais levan a cabo esta restauración, cuxo custo se eleva a 16.000 euros. 

Adornando a fachada do edificio, atópanse 3 escudos, baixo as fiestras do segundo andar. Trátase de escudos policromados de granito fino que se atopan dispostos sobre perpiaños. Porén, son un engadido posterior ao deseño da casa. Os traballos de restauración consistirán en tarefas de limpeza superficial, fixación da cor e protección das pezas. 

Os escudos interiores, que se atopan no vestíbulo do edificio e que serán restaurados, tampouco son contemporáneos á construción do edificio. Neste caso, procedían da renacentista casa consistorial, desmantelada por Ventura Rodríguez ao deseñar a nova edificación. A maiores, dous medallóns cos bustos de Alexandre Magno e o Rei David, que se atopan ao carón do escudo no que se representa a Carlos V, tamén son obxectivo destas tarefas de conservación.

Con esta actuación, o concello busca recuperar o valor histórico e artístico destas pezas que se poden ver na consistorio de Betanzos. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...