fbpx

A fíbola romana de Casaio, cando arqueoloxía e sociedade civil recuperan pezas espoliadas

Tempo de lectura: 2 min.

Unha pequena placa cuadrangular de bronce da época romana é a peza do mes que presenta o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Trátase dunha fíbula atopada en Casaio, en Carballeda de Valdeorras, e posibiblemente pertencente ao xacemento dos Mallos.

A fíbula é unha peza de pequenas dimensións, 2,66 cm no lado maior e 2,48 cm no lado menor, feita en bronce saturado de estaño con posible presenza de chumbo ou zinc. Os diferentes estudos sobre a peza apuntan a que se trata dun obxecto de xoiaría de gran calidade. Está datado do comezo do principado romano (séculos I-II), época na que a explotación das minas das Médulas, próximas a Casaio, foron máis intensas.

Porén, a importancia da peza é maior ao determinar que non foi feita na localidade ourensá, senón que se trata dun obxecto importado. As fíbulas esmaltadas como a de Casaio son moi pouco habituais no noroeste peninsular, polo que a súa importación implica relevancia social e económica. O norte da Galia, Bélxica ou as rexións renanas son as zonas onde estas pezas eran máis habituais, atopándose obxectos semellantes con formas cuadrangulares, circulares ou de animais.

A LACRA DOS ESPOLIOS

A peza atopada en Casaio fora espoliada, mais os traballos da Asociación Científica Sputnik Labrego e a colaboración local de Casaio, no 2016 conseguiron recuperar a fíbula entre outros obxectos de gran valor histórico e patrimonial.

Porén, a lacra dos espolios é un problema co que lidan os profesionais da arqueoloxía. Dende o Museo Arqueolóxico apuntan que se trata dun problema a nivel mundial “tan inmenso que non existen datos fiables sobre a súa dimensión”. Por iso, recordan que sacar unha peza do seu contexto “é ilegal porque arrebata unha propiedade común, que é o noso patrimonio e a nosa historia, para beneficio duns poucos”

No caso da fíbula de Casaio, esta acción ilegal foi “lixeiramente compensada” grazas á devolución da peza ás institucións públicas, o que permite o seu estudo e que todos os cidadáns teñan a oportunidade de gozar dela.

Dende o Museo Arqueolóxico de Ourense fan tamén un “chamamento para unir forzas contra os espolios e pola recuperación de todo ese material que, de non ser polas accións desconsideradas duns poucos individuos, non permitirían a todas as persoas coñecer un pouco mellor a nosa historia”.

Pode que che interese...