fbpx
Illa da Creba. A Creba Private Island

A Illa de Creba: centos de anos de historia mercados no Franquismo para unha casa de luxo

Tempo de lectura: 4 min.

Vicente Risco dicía da illa de Creba que nela “había mouros que tiñan un templo do seu falso deus. Os cristiáns matáronos deixando só á filla do xefe, a cal invocou ao demo, que levantou unha tempestade que afogou aos cristiáns e separou a illa da terra e converteu á filla do xefe, nunha serpe xigante que afundía os barcos”.

Situada na ría de Muros e Noia, a illa, que ten unha superficie de 65.398 metros cadrados, atópase a 240 metros do cabo de Uía e pertence á parroquia de Esteiro, no concello de Muros. A súa propiedade é privada, algo contra o que os veciños loitan dende que en 1966, o pai do empresario Emilio Penas Gerpe, actual propietario, mercase a illa.

Risco engadiu á lenda sobre a illa que “os cristiáns acudiron a un home santo o cal mandoulles construír unha capela na illa dedicada á Nosa Señora da Creba”. Actualmente, non queda nada da capela, que si se conserva na memoria popular.

A illa da que falaba Vicente Risco pouco se parece á que agora se pode ver na Ría de Muros e Noia. Por aquel entón, era unha illa sen vexetación e cunhas ruínas na súa cima. A día de hoxe, atópase poboada de piñeiros e no seu centro, onde noutros tempos existiu unha ermida na honra de Santa María, érguese agora un aloxamento de luxo privado, coñecido como A Creba, Private Island.

SÉCULOS DE HISTORIA

A primeira documentación que hai da illa ven da man de do escritor e militar romano Plinio, quen situou á illa nos pobos Tamaricos e dixo que nela estaban as Aras Sextianas, un conxunto de aras que conmemoraban as vitorias das lexións romanas nas guerras desenvoltas nos territorios galaicos, cántabros e ástures. Como recollen en Patrimonio Galego, isto foi corroborado polo escritor coruñés Carré Aldao, quen ademais engadiu a existencia de torques de ouro e outras xoias na illa.

Pola súa banda, séculos máis tarde, o arcebispo Diego Xelmírez relatou en historia Compostelana a existencia de piratas na illa de Creba, que pola noite provocaban incursións nos pobos da costa. Ante isto, o arcebispo mandou construír unha frota para defender aos diferentes pobos.

No que se refire á ermida da que falaba Vicente Risco na súa lenda, non se ten constancia dela ata o s.XVI, e a historia popular conta que xunto a ela, nunha construción contigua, vivía un ermitán que a coidaba. É no 1867 cando a existencia de tal construción é recollida no Derroteiro das Costas de España e Portugal, indicando a existencia de ruínas na cima da illa.

Porén, non é ata o século XX cando empezan os conflitos arredor da illa. Como recolle José Manuel Bermúdez na súa obra Muros, un mar de historias, Muros e Outes comezaron a reclamar a titularidade da Illa de Creba, despois de que o Concello de Muros non a incluíra no seu inventario de terras. Ante isto, no 1922, unha parella de Outes inscribiuna ao seu nome e foi en 1966 cando o pai do actual propietario mercou a illa a unha trintena de persoas. Isto derivou durante anos non só a cuestionarse a propiedade da illa, se non tamén da súa pertenza ao Concello de Muros ou de Outes.

Durante moito tempo reclamouse a devolución da illa aos veciños, e foi o 1 de maio de 1990, como publicou El País, cando unhas 300 persoas, entre os que se atopaba o entón alcalde de Noia, Pastor Alonso, ocuparon a Creba de forma pacífica reivindicando a súa petición: que a illa, cuxo paso estaba cerrado ao público, volvese ser dos veciños como o fora un século atrás.

O xornal La Voz de Galicia recolle nun artigo de 2007 sobre a illa que os propietarios, a familia Penas Gerpe, aseguraba que a illa non era privada, pois a Lei de Costas delimitaba unha zona de acceso público. O que si era privado era un gran terreo dentro da illa. Tamén criticaban que, a pesar dos desexos da veciñanza por convertela nun lugar de titularidade pública, a familia non recibiu ningunha información da Xunta nin doutros órganos administrativos.

O que si se consideraba de dominio público era o terreo no que os propietarios construíron un embarcadoiro. Unha orde ministerial declarou esta construción ilegal, e ordeouse o seu derrubamento, mais os anos pasaron e dita orde nunca se chegou a exercer. Actualmente, o embarcadoiro segue en pé, e a súa destrución sería máis perxudicial para a contorna que manter o embarcadoiro en pé.

A CREBA: DE LUGAR DE ROMARÍA A ILLA PRIVADA DE LUXO

Dende que a illa se cerrou ao público, levantouse un cerrado para impedir o paso, e detrás dunha abundante vexetación, na súa meirande parte piñeiros plantados polo dono, escóndese unha mansión de luxo. Porén, a cultura tradicional recorda unha illa diferente, menos verde, á que acudían mariñeiros de paso e veciños a coller toxos ou gozar do lugar.

O máis destacado era a romaría que se celebraba na honra da Virxe da Creba no lugar no que anos antes houbera unha ermida. Aínda que a construción relixiosa xa non existía, os veciños conservaban na memoria a súa presenza e, como recollen en Patrimonio Galego, moitas eran as persoas que rezaban unha Salve e descubrían as cabezas ao pasar en barco xunto o illote. As coplas populares tamén fan referencia a isto: “Indo polo mar abaixo/o vento rifoume unha vela/nosa Señora da Creba/diume vento para ela”. A día de hoxe, o pasado da illa permanece na memoria popular.

Séculos de historia agóchanse nesta pequena illa da Ría de Muros e Noia, un terreo que os veciños queren recuperar. Por iso, o vindeiro domingo 8 de maio, o Local Social da Esteirana acollerá a presentación do libro “A illa da Creba”, acto no que participarán o autor do libro, Francisco Abeijón, a responsable comarcal do BNG, Sol Agra, o antigo secretario da Fundación Galicia Sempre, Bieito Lobeira, e o representante da Asociación cultural O Xeito, Rodrigo Molinos. Coa presentación da obra, queren dar a coñecer non só a historia da illa da Creba, senón tamén os desexos dos veciños de recuperala.

Pode que che interese...