fbpx

A Muradella…Que son as estas ruínas que hai entre A Pobra do Brollón e Monforte?

Tempo de lectura: 2 min.

O monte Moncai, entre os municipios de A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos, é o lugar no que se atopa unha antiga construción da que se descoñece a época na que foi levantada. O que chaman A Muradella, é unha estrutura circular dun diámetro de 16 metros cuxa función aínda está por determinar.

Unha fortificación da Alta Idade Media foi a primeira hipótese que se considerou. Esta primeira hipótese, do arqueólogo Xurxo Ayán, relaciona a construción coas castronelas, un tipo de fortificación cuxo obxectivo era o control das vías de paso. Porén, unha nova investigación dirixida polo investigador predoctoral en arqueoloxía da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo, busca despexar as incógnitas arredor do monte Moncai.

Paulos sinala a posibilidade de que a estrutura sexa un monumento megalítico que podería datar do cuarto milenio antes de Cristo, o que aportaría “un valor arqueolóxico moi grande no contexto de toda Galicia”, como explica Paulos. A construción podería clasificarse dentro dos monumentos megalíticos de tipo cairn, os cales son comúns na fachada atlántica, algúns deles en Galicia, como os da Serra de O Xistral e Boiro, aínda que de menor extensión que os restos arqueolóxicos da Muradella.

De ser certa esta hipótese, tamén indicaría que o lugar sería un marcador territorial entre Monforte da Bóveda e a Pobra do Brollón, función que se ve reforzada pola favorable localización da construción. A Muradella “pódese ver dende todos os túmulos megalíticos catalogados pola Dirección Xeral de Patrimonio que hai nun radio de quince quilómetros e dende o 70% dos que están nun radio de 30 quilómetros”, explica o investigador tras realizar unha análise das cuncas visuais.

Porén, haberá que esperar as investigacións que se levarán a cabo en xullo para determinar a época desta construción. Entre as diferentes labores destaca unha cata arqueolóxica da zona para determinar a posible presencia de fosos, que poderían estar presentes se se tratase dunha castronela medieval. Tamén se realizará un estudo edafolóxico do solo para determinar a agricultura do período. A investigación está promovida pola Asociación veciñal Cereixa (A Pobra do Brollón). Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...