fbpx

Esta é a historia da primeira “boia lanzatorpedos” deseñada por un galego

Tempo de lectura: 2 min.

A Antonio Sanjurjo Badía coñecíano como “O habilidades”, ao igual que o seu pai. A súa paixón polas máquinas e un bo ollo para os negocios fixérono merecedor do alcume, o que se puido comprobar durante toda a súa vida. Foi con 61 anos cando deseñou a “boia lanzatorpedos” para defender o exército español, no caso de que fose necesario, durante a Guerra de Cuba no 1989.

Sanjurjo Badía naceu en Sada, emigrou a Cuba con 17 anos e volveu a Galicia, en concreto a Vigo, onde abriu unha fábrica de máquinas de vapor e caldeiras. Mais antes deste negocio, polas súas mans pasaron outros, como unha ruta de autobuses, unha liña de telefonía móbil e unha fábrica de papel. Por iso, aos seus veciños, coñecedores do enxeño e tenacidade do sadense, non lles sorprendeu o seu novo obxectivo, a boia lanzatorpedos, como el a chamaba.

Con 16.000 pesetas, Sanjurjo Badía conseguiu crear a súa máquina no 1898, que consistía nunha nave de propulsión manual que a día de hoxe se pode ver no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Cunhas dimensións de 5,2 metros de eslora e 3,75 metros de manga, a máquina podía desprazarse a dúas millas por hora e somerxerse ata 20 metros. O seu interior estaba pensado para 3 tripulantes, controlando cada un o temón, as minas e o sistema de propulsión da boia.

O 11 de agosto de 1989 a Ría de Vigo acolleu a presentación da boia de Sanjurjo, quen comprobou ante un público expectante que o seu invento funcionase, somerxéndoo os 20 metros para os que estaba deseñado. O que non chegou a comprobar foi o sistema de lanzamento.

Tampouco se chegou a comprobar a súa eficacia no contexto da guerra, pois cando a máquina estivo rematada, España e Estados Unidos xa estaban negociando o fin da guerra, cun armisticio que chegou xusto o día seguinte da presentación na Ría de Vigo, o 12 de agosto.

Aínda así, o camiño de Sanjurjo no mundo dos submarinos non quedou só no deseño e construción da súa boia lanzatorpedos, senón que isto lle permitiu establecer relación co escritor e referente do mundo do submarinismo Julio Verne, a quen reparou a embarcación durante a súa estancia na cidade olívica. Tamén coñeceu ao mariñeiro e enxeñeiro Isaac Peral, quen deseñou o primeiro submarino de propulsión eléctrica. Máis información en Xataka.

Pode que che interese...