fbpx

“De Galicia a Mauthausen” conta o exilio de 1936 a través de Instagram

Tempo de lectura: 2 min.

Que papel tivo Galicia na sublevación de 1936? Cal é a importancia da Memoria Histórica? A onde marcharon os galegos exiliados por mor da guerra? Estas son algunhas das preguntas ás que dá resposta o proxecto De Galicia a Mauthaussen (@galiciaantifranquista), que a través da redes social Instagram pretende difundir a historia da resistencia galega antifranquista dende 1936.

“A historia da loita e resistencia de diversos sectores da sociedade galega fronte ao bando sublevado tralo golpe de Estado de xullo de 1936 atópase nunha situación de amplo descoñecemento social”, apunta a Alba Garrido, graduada en Historia pola USC e unha das impulsoras do proxecto, xunto ao tamén graduado en Historia Carlos Lozano.

Semanalmente, dende a conta de Instagram, realizan publicacións relacionadas non só coa resistencia ao Golpe de 1936 no territorio galego, senón tamén coas formas de resistencia e represión e a traxectoria e perfís de moitas das súas vítimas, como o paso de 171 galegos polo campo de concentración de Mauthausen tras fuxir da Guerra Civil. Ao mesmo tempo, relacionan estas diferentes temáticas co tratamento actual nas políticas de memoria

Garrido lembra a falta de información que existe respecto a este tema, causa da historiografía tradicional vencellada ao nacionalismo español, que “aseverou a inexistencia de calquera conflito en Galicia durante a Guerra Civil” e da “escasa relevancia dada pola maioría da sociedade galega a este tema, dende a fin da ditadura”. Porén, destaca os avances nos últimos anos grazas ao nacemento de proxectos arredor da memoria histórica e da posta en valor do papel de Galicia na Guerra Civil, como é o exemplo de Nomes e Voces. Este proxecto interuniversitario “permitiu unha primeira achega á represión e violencia exercidas polas autoridades e elementos sublevados durante o conflito”, como explica Garrido.

A elección de Instagram, como explica García, permítelles “chegar, de xeito conciso e visual, a un público novo, amplo e con escasa información sobre a temática en cuestión”, ao tempo que aproveitan as posibilidades que a redes social lles aporta para “xerar un vínculo de pertenza e proximidade entre o espectador e o recurso difundido”. Porén, tamén queren facer fincapé na importancia da actualización do ensino á hora de ensinar estes contidos. Máis información en Mazarelos.

Pode que che interese...