fbpx
Casa do Mitreo en Lugo, antiga Lucus Augusti / foto vilasamuralladas.eu

De noite e ao son dunha zanfoña, a nova maneira de visitar a Domus de Mitreo

Tempo de lectura: < 1 min.

A USC pon en marcha o programa Noite na Domus, un ciclo de sesións nocturnas guiadas e con música á Domus do Mitreo. Con esta iniciativa, pretenden achegar ao público este xacemento arqueolóxico da cidade de Lugo dunha maneira diferente, para coñecer mellor a familia do centurión Gaius Victorius Victorinus, que habitou esa casa. Trátase dunha antiga vivenda da época romana que se atopa aos pés da Muralla de Lugo.

A través dun relato histórico da man de Celso R. Cao, director da escavación, e da música de zanfoña do intérprete Germán Díaz, os asistentes recorrerán o mundo romano ata a Idade Media.

Nesta visita, sempre acompañada de música relacionada coa época histórica, tamén se explicarán o paso dos anos da vivenda e o levantamento da Muralla ao seu carón, para rematar na Idade Media e falar da importancia da construción da Catedral de Lugo e da súa necrópole, que se situaron ao carón do templo de Mitra. Finalmente, a visita tamén fará unha parada no Pazo dos Montenegro apra observar na súa fachada elementos decorativos da Catedral.

Noite na domus, que está organizado dentro das actividades do convenio Lugo Cultural, financiado pola USC, o Concello de Lugo e a Deputación Provincial, tivo a súa primeira sesión o pasado mércores 27 de abril. O vindeiro 17 de maio será a segunda oportunidade para gozar desta experiencia .

Dende a Universidade de Santiago de Compostela sinalan que o obxectivo deste programa é “profundar no coñecemento da historia a través dunha viaxe musical polo xacemento, para permitir que o espectador se achegue tamén ás diferentes épocas históricas a través das súas composicións sonoras”. Máis información en El Progreso.

Pode que che interese...