fbpx

Na procura dos esgrafiados, unha decoración única nas casas tradicionais da Ribeira sacra

Tempo de lectura: 2 min.

Dende pequenos debuxos xeométricos a murais máis elaborados que chegan a representar figuras humanas como gaiteiros son algúns dos esgrafiados que poden verse nas fachadas de casas tradicionais da Ribeira Sacra.

Os esgrafiados, tamén coñecidos como mouriscas na cultura popular, son representacións gráficas en cal que decoran fachadas de vivendas tradicionais. A súa técnica podería recordar ao encintado, que sela e resalta as xuntas da cachotería ou das diferentes pedras que forman un muro. Porén, os esgrafiados están realizados nunha segunda capa e forman debuxos.

A excepcionalidade destes gravados convértenos nun atractivo turístico das aldeas da Ribeira Sacra, podendo atopar estas mouriscas en aldeas da Ribeira Sacra, así como outro tipo de murais. Como observa o profesor de arquitectura Plácido Lizancos, son únicos en Europa e destaca que sexan manifestacións artísticas tradicionais en arquitectura popular, como son as vivendas rurais. “Si se rexistran en España e noutros países decoración debuxadas realizadas por artistas profesionais sobre elementos da arquitectura culta”, engade Lizancos.

Os esgrafiados pertencen, na súa meirande parte, a edificacións dos séculos XIX e principios do XX, aínda que tamén se asociaron algúns aos séculos XVII e XVIII. “Conservamos na década final do século XX mais dun millar de edificacións decoradas con revestimentos de cal. Estamos ante a que posiblemente sexa a maior concentración de encintados e auténticos esgrafiados da península no ámbito rural”, resaltan dende o Consorcio de Turismo.

Para conservar e divulgar estes esgrafiados, o Consorcio de Turismo impulsou traballos de restauración deste tipo de ornamentación en casas de labranza, ao abeiro do Primeiro Pacto pola Paisaxe da Xunta. As primeiras tarefas de restauración leváronse a cabo no 2017, nos núcleos de Montefurado (Quiroga) e Campo (Taboada). Agora, unha segunda fase do plan restaurará seis esgrafiados e outros tantos murais.

Os enclaves elixidos para estas restauracións son lugares con interese turístico, para fomentar así o seu atractivo turístico. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...