fbpx
Unha mostra do Consello da Cultura Galega a prol da actividade do misioneiro Rosendo Salvado / CCG

A exposición que amosa a historia de Galicia en 100 pezas

Tempo de lectura: 2 min.

O Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura o vindeiro 10 de maio “Galicia 100“, unha mostra que constrúe un relato histórico do país a través da selección e da relación de cen pezas procedentes de institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior.

Esta exposición, organizada polo Consello da Cultura galega, coa colaboración de Afundación e Abanca, inaugurarase o vindeiro 10 de maio na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) en Santiago de Compostela. Contará tamén cunha publicación en papel, aplicación para dispositivos móbiles, así como unha web que aposta polo uso de aspectos interactivos na dixitalización do patrimonio. Como avance, a Televisión de Galicia amosará diariamente desde o luns 25 unha escolma das pezas seleccionadas.

A exposición amosará unha selección de cen obxectos destacados do pasado de Galicia, desde o Paleolítico Inferior ata os anos 90 do século pasado, seleccionados pola súa capacidade de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios ao longo do tempo. Na construción deste relato amosa desde obxectos de gran valor artístico ou referencial ata útiles da vida cotiá; con todo, a exposición non seguirá un discurso cronolóxico tradicional, senón que procurará que as pezas dialoguen entre si e co visitante a través de épocas e grandes conceptos.

A exposición Galicia 100 está comisariada por Manuel Gago e contou cun Consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares e que contou coa participación de Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos.

Construír exposicións de carácter histórico a través de obxectos é unha fórmula xa explorada. En 2010, o Museo Británico iniciou coa BBC Radio 4 un proxecto que deu lugar ao coñecido “A History of the world in 100 objects”, que foi adaptado e seguido noutros contextos como Irlanda. Agora, seguindo os principios desta proposta, o Consello da Cultura Galega ofrece unha lectura en clave transversal e histórica, que abrirá as portas ao público o vindeiro día 10 de maio en Santiago.

Como avance, desde o luns 25 o programa Zig Zag da Televisión de Galicia ofrecerá diariamente unha escolma das pezas seleccionadas.

Pode que che interese...