fbpx
Mapa de 1812 no que xa aparece unha comarca baixo o nome de "Partido del Pindo"

O Pindo, centro dunha comarca histórica galega

Tempo de lectura: 2 min.

Partido del Pindo“. Con este nome aparece unha ampla comarca que acollería a boa parte da Costa da Morte e que chegaría ata Negreira e Santa Comba. A súa capital estaría na Serra de Outes e comprendería todo un basto territorio entre os ríos Xallas e Tambre.

Así o testemuña unha cartografía de 1812, obra de Luis López Ballesteros, denominada “Mapa geográfico del Reyno de Galicia que manifiesta particularmente la antigua provincia de Santiago dividida en 13 partidos de primera instancia y 2 incompletos: dispuesto por la Comisión particular de la Provincia de Santiago con arreglo a lo dispuesto por la ley de 9 de Octubre de 1812”.

Este mapa presenta unha realidade territorial cos seus lindes moito máis vencellados aos accidentes xeográficos que os actuais. No mesmo, como dicimos, sinálase con toda claridade o Partido doPindo, con capital en La Sierra (Serra de Outes), probabelmente pola proximidade da capital relixiosa do arciprestado de Entíns.

A comarca aparece ben delimitada polos ríos Xallas ao norte ata as súas fontes en Castriz e polo Tambre ao sur, o Océano Atlántico ao oeste, e por primeira vez, o mapa permite fixar o linde polo leste no río Dubra, o que supón que esta división histórica e natural comprendería as vilas de Santa Comba e Negreira.

Xa durante a Idade Media existiu un Condado de Carnota, que comprendía aproximadamente o espazo situado entre os ríos Xallas e Tambre, e que parecía corresponderse co mesmo territorio dominado pola antiga tribo prerromana dos Celtici Supertamarci, ou celtas de arriba do Tambre, que lindaban (e litixiaban) cos nerios (enriba do Xallas) e prestamarcos (debaixo do Tambre). O espazo comprendería cando menos os territorios ocupados actualmente polos municipios de Carnota, Muros, Outes e Mazaricos, con lindes algo máis difusos ao interior.

A comarca do Pindo que aparece no mapa de 1812 ocuparía case 850 quilómetros cadrados do territorio sito entre o Xallas ata o Tambre e polo interior ata Castriz e Negreira, división que se mantivo practicamente intacta durante dous mil anos, segundo apunta Monte Pindo parque natural.

Pode que che interese...