fbpx
Parlamento, interior obra do arquitecto Andrés Reboredo Santos

 O PP rexeita novas medidas de defensa do patrimonio no Parlamento galego

Tempo de lectura: 2 min.

O PSdeG presentou unha Proposición non de Lei na que pedía a elaboración dun plan programado de actuacións destinado a protexer e salvagardar ese patrimonio cultural.

Todos os grupos da oposición no Parlamento de Galicia pedíronlle este mércores á Xunta que se poña “a traballar de forma inmediata” para salvagardar os bens de interese cultural da Comunidade, a través da constitución dunha comisión de expertos que o PPdeG considera innecesaria.

A través dunha PNL presentada polo PSdeG, o deputado Emilio Vázquez alertou sobre o “abandono e desprotección” que sofre o patrimonio galego ante o “grave risco” de desaparición no que se atopa. Para emendar esta situación, é necesario “interese e vontade” por parte do Goberno galego para realizar as “actuacións” necesarias “para manter vivo” o patrimonio da Comunidade.

Neste sentido, os socialistas, apoiados polo resto de grupos da oposición, reclamaron “constituír unha comisión integrada por persoas expertas” para que, no prazo máximo de seis meses, emita un informe sobre o estado de conservación no que se atopan os diversos bens inmobles catalogados como de interese cultural, sinalando aqueles que requiren de actuacións inmediatas.

parlamentodegaliciaAdemais, pediron tamén que se elabore un plan programado de actuacións destinado a protexer e salvagardar ese patrimonio cultural.

Á súa vez, o deputado de AGE Xabier Ron denunciou “o desleixo e o abandono” que viven os bens de interese cultural, sometidos polo Goberno a diversos “marcos de privatización”. No mesmo sentido, preguntouse se o catálogo de bens culturais anunciado pola Xunta sofre “unha especie de secuestro institucional”.

A nacionalista Ana Pontón lembrou que Galicia conta cun “patrimonio rico e extenso” que na actualidade está “absolutamente desamparado” ante a “falta de medios” evidente que presenta a dirección xeral de patrimonio. Para a deputada do BNG, é “un escándalo” que mentres se destinan 8 millóns de euros para esta dirección, destínense 12 para a Cidade da Cultura, “é un claro síntoma de cales son as prioridades da Xunta”.

A parlamentaria do Grupo Mixto Mónica Fernández destacou tamén que a protección patrimonial xoga un “papel” relevante na dinamización económica no rural, onde se atopan a maioría dos bens.

“Un brinde ao sol”

Pola súa banda, o portavoz popular no debate, Agustín Baamonde, anunciou que, aínda que todas as propostas neste sentido “son necesarias e ben recibidas”, non apoiarán esta PNL, posto que lles parece “un brinde ao sol”. O deputado do PPdeG insistiu en que a proposta socialista carece “de virtualidade”, ademais de ser “innecesaria”.

Á súa vez, referiuse á realización de diferentes comisións de expertos durante o bipartito que non serviron para os labores que nun principio se lle encomendaron, como unha para dotar de contido a Cidade da Cultura ou outra sobre os incendios forestais.

Pode que che interese...