fbpx
Rosalía de Castro con parte da súa familia / Fundación Rosalía de Castro

A Casa de Rosalía recibe un fondo de máis de 400 cartas históricas

Tempo de lectura: 2 min.

Son documentos doados pola familia Baltar Santaló que abranguen un período temporal entre 1883 e os anos 20 do século pasado.O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e os descendentes da familia de Ramón Baltar Feijóo e Ernesto Baltar Santaló asinaron este xoves un acordo en Madrid para que a Casa de Rosalía acolla un fondo documental composto por máis de 400 cartas de importancia histórica, algunhas delas inéditas.

Neste fondo que a familia Baltar cede á Casa de Rosalía inclúese “importante documentación”, moita dela inédita, composta por un total de 445 pezas que abranguen un período temporal entre 1883, cando Rosalía se instala coa familia na Casa da Matanza, ata os anos 20 do pasado século.

O conxunto componse maioritariamente de correspondencia e está organizada en seis apartados: Rosalía de Castro; Manuel Murguía; Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Real Academia Galega; Miscelánea (Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta e Eugenio Carré) e Cartas políticas (ministros, deputados e Marqués de Figueroa).

Do valor histórico do fondo, a Fundación Rosalía destacou varios autógrafos da autora, o diario de Anxo Baltar, a folla de servizos de Manuel Murguía, versos autógrados de Ramón Rey Baltar e correspondencia inédita centrada especialmente en Ramón Tojo e dirixida a el por Manuel Murguía, a súa filla Alexandra, Castelao, Eduardo e Rafael Dieste, Pardo Bazán, Alfredo Brañas ou Amor Ruibal, entre outros.

Ao longo de varias xeracións, a familia Baltar, vinculada a Padrón, mantivo unha estreita relación, moitas veces actuando de protectores, con algúns dos intelectuais, escritores e políticos máis importantes de Galicia.

Tras este acordo de cesión, a Fundación comprometeuse a crear un espazo dentro da propia Casa de Rosalía para este fondo, así como a dixitalizar o conxunto para facelo público e de acceso universal. Así mesmo, realizarán unha publicación académica que o estude e crearán un premio de ensaio co nome de Ramón Baltar Feijóo.

 

 

Pode que che interese...