As destrezas dos romanos no campo médico-odontólóxico
O museo provincial de Ourense presenta como peza do mes unhas tenaces para extraccións dentais atopadas no Campamento de Aquae Querquennae.Unha cultura coñécese polos seus obxectos materiais. E a romana está inzada deles, especialmente, nos campamentos e numerosas vilas que fundaron na Gallaecia. Por iso, sábese o bo que eran en numerosas artes e funcións, unha delas, a médica ou odontolóxica.
Precisamente, este mes, o museo provincial de Ourense presenta como peza unhas tenaces para extracción de pezas dentais atopada no Campamento de Aqua Querquerennae ou Aqua Querquennis, que se atopa na comarca da Baixa Limia. O recinto identifícase cun forte permanente (castra stativa) de planta rectangular. Alí estivo a Cohors III: unha unidade militar dependente da Legio VII Gemina que tiña o seu acuartelamento na cidade de León.
Este enclave militar atópase nas inmediacións da Vía XVIII do Itinerario de Antonino que unía as localidades de Braga-Bracara Augusta e Astorga-Asturica Augusta, capitais de senllos conventos xurídicos, seguindo o percorrido máis curto que cruzaba a provincia de Ourense en sentido SW-NE.
As pezas procedentes das escavacións arqueolóxicas inclúen moedas, armamento, pezas de artillaría, ferramentas, instrumental médico-cirúrxico, obxectos topográficos, elementos de equipamento persoal, etc., similares aos recuperados noutros xacementos militares ao longo de todo o Imperio Romano.
Entre o material médico-cirúrxico pódese incluír unha folla de tesoira de flexión simple (forceps), un anaco dunhas pinzas (vulsella) para a extracción de pequenos elementos (pelos e similares), unha parte dun bisturí (scalpellum) empregado nas diseccións anatómicas, unha navalla (navacula), unha culleriña dosificadora (ligula) ou unhas tenaces (forceps, rhizagra) para efectuar extraccións dentais. Tamén se pode engadir a esta relación algún coitelo (culter), xa que nesta época para moitos investigadores non existen diferenzas entre o tipo de uso doméstico e aquel con finalidade cirúrxica.