fbpx
Mámoa do Salgueirón, entre os concellos de Mos e Ponteareas

SOS para a mámoa do Salgueirón, entre Mos e Ponteareas

Tempo de lectura: 2 min.

Colectivos de Mos e Ponteareas solicitan á Xunta a protección para este ben.  Ademais porán en marcha accións para difundir o patrimonio arqueolóxico en perigo entre os dous concellos.

Varios colectivos dos concellos de Mos e Ponteareas veñen de solicitarlle á Xunta de Galicia a protección e posta en valor da mámoa do Salgueirón, un elemento do noso patrimonio que linda entre os dous concellos, no alto do monte do mesmo nome.

A Asociación de Veciños de Ribadetea (Ponteareas), a Comunidade de Montes de Louredo (Mos), a Asociación Cultural Festa da Prehistoria (Mos), a Agrupación A Cividade (Mos) e o Grupo Ecoloxista Adenco tiveron varias reunións co Concello de Ponteareas para transmitirlle a súa preocupación sobre este elemento do noso patrimonio, situado no monte do Salgueirón, entre os Concellos de Mos e Ponteareas, lugar que se viu afectado hai dous anos por unha proba deportiva que abriu un camiño en pleno corazón do xacemento.

Os diferentes colectivos buscaron a colaboración dos respectivos concellos “sen que, polo momento, as administracións fixeran algo para evitar o continua deterioro deste xacemento”, polo que decidiron, “solicitarlle á Xunta a posta en valor do xacemento, con actuacións de sinalización e delimitación, para evitar novos impactos”, porque, “o que non se coñece, non se protexe”.

Traslado da solicitude aos Concellos e próximas actividades

Os colectivos tamén trasladaron esta solicitude aos Concellos de Mos e Ponteareas, para que fagan o posible por atender a esta demanda de valorización deste elemento común do noso patrimonio arqueolóxico. Ademais, os colectivos de ámbolos lados da Serra do Galleiro, realizarán en breve actividades para amosar este e outros valores do monte que precisan de máis divulgación e coidados.

A mámoa do Salgueirón é un monumento funerario con máis de catro mil anos de existencia e formado por grandes lousas colocadas en forma de arca onde soterraban aos defuntos na prehistoria. O conxunto estaba cuberto de terra e delimitado con seixos brancos para facelo resaltar na paisaxe.

Pode que che interese...