fbpx
Xosé Leal, responsable de Cultura e Lingua na Deputación de Pontevedra presenta o festival Telearqueoloxía / depo.es

Un festival para promocionar a arqueoloxía

Tempo de lectura: 3 min.

O Festival Telearqueoloxía 2016 repartirá 10.000 € en premios e nel terá especial protagonismo o patrimonio presente na provincia de Pontevedra ou nos fondos do Museo de Pontevedra.Realizar unha investigación sobre o patrimonio arqueolóxico e conseguir plasmala nunha curtametraxe pode ter un premio de entre 750 e 3.000 euros. Así o establecen as bases de participación no proxecto ‘Telearqueoloxía 2016’, un Festival de videoinvestigacións sobre o patrimonio arqueolóxico impulsado pola Deputación de Pontevedra que repartirá un total de 10.000 euros en dúas categorías de premios.

o Festival terá lugar os días 14, 15 e 16 de decembro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Poderase participar de xeito individual ou a través de agrupacións culturais, asociacións ou universidades, con curtametraxes realizadas con cámaras, tabletas ou teléfonos móbiles.

Categorías e premios

As curtametraxes presentadas ao Festival deberán ter como obxectivo comunicar o resultado ou o proceso dunha investigación sobre o patrimonio arqueolóxico no que teña especial protagonismo o patrimonio presente na provincia de Pontevedra ou nos fondos do Museo de Pontevedra, e deberán estar realizadas en idioma galego e incluír subtítulos en inglés.

As bases establecen dúas categorías. A categoría “Lascas” para curtametraxes dun máximo de 5 minutos realizadas por menores de 18 anos; e a Categoría “Bifaces” para curtametraxes dun máximo de 15 minutos realizadas por maiores de idade. E en cada categoría entregaranse tres premios.

Na Categoría Lascas, o primeiro premio será de 1.500 euros, o segundo de 1.250, e o premio especial do público de 750. Na Categoría Bifaces, o primeiro premio será de 3.000 euros, o segundo de 2.000, e o premio especial do público de 1.500 euros.

As curtametraxes inscritas no Festival poderán ser visualizadas na páxina web www.telearqueoloxia.museo.depo.es. Ademais, co obxectivo de dinamizar e promover a divulgación do patrimonio arqueolóxico tamén se poderán exhibir en redes sociais e medios online, como canle de YouTube, páxina de Facebook ou o blog do proxecto. Durante os días de celebración do Festival, exhibiranse as curtametraxes seleccionadas polo xurado, que se darán a coñecer a partires do 26 de novembro de 2016.

Fomentar a “participación”

“Este festival parécenos unha magnifica oportunidade para mudar a visión que habitualmente se ten da investigación arqueolóxica”, dixo durante a súa presentación o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. “A idea é fomentar a participación de diferentes sectores sociais e de idade, para que se involucren na posta en valor da arqueoloxía, dun xeito actual, e cunha linguaxe contemporánea a través dos medios que manexamos no día a día, como o teléfono móbil ou as tabletas” afirmou.

Leal tamén insistiu na “necesidade de desterrar a imaxe da investigación arqueolóxica tradicional e reservada só a estudosos e investigadores, e achegala a todas as persoas, para que o noso patrimonio sexa coñecido e valorado, e se evidencie que nos sentimos orgullosos e orgullosas del”.

Fases do proxecto

No marco do proxecto, establécense tres fases. A primeira delas, denominada Arqueo-rede, vai encamiñada a crear grupos de traballo. No Grupo Menhir incluiranse as persoas físicas: investigadores, docentes e profesionais do ámbito da historia, da arqueoloxía, das ciencias sociais e da comunicación; e no grupo Dolmen integraranse os concellos, universidades, museos, centros de estudos arqueolóxicos, e asociacións culturais, ambientais e veciñais.

Unha segunda fase, a celebrar ata o mes de outubro, contempla a realización de obradoiros formativos, tanto de investigación arqueolóxica como de vídeo-investigación. Impartirase formación sobre como realizar unha investigación, a través de casos prácticos de investigacións arqueolóxicas, e ensinarase a crear e editar as investigacións e formato dixital. Estes obradoiros desenvolveranse nas sedes do Grupo Dolmen e permitirán a participación de público tanto maior como menor de idade. No caso de persoas menores de idade os obradoiros serán canalizados a través de institutos e centros de formación.

As bases están dispoñibles na web www.museo.depo.es/telearqueoloxia, así como todos os datos referidos ao proxecto. O prazo de inscrición de curtametraxes a concurso finalizará o 10 de novembro.

Pode que che interese...