fbpx
Membros do colectivo Capitán Gosende no novo petróglifo descuberto no linde Cerdedo-Cotobade / Capitán Gosende

Descuberto un novo petróglifo no linde Cerdedo-Cotobade

Tempo de lectura: 2 min.

O colectivo Capitán Gosende acaba de dar conta da descuberta dun novo achado. Trátase dun novo petróglifo que se atopa no límite entre Cerdedo e Cotobade, e que suma xa o número 24 dos atopados nesta comarca nos últimos meses.

Foi o pasado domingo 24 de abril cando os exploradores de Capitán Gosende percorreron a faixa de monte que serve de estrema entre as parroquias de Cerdedo (San Xoán) e Caroi (Santiago) e, polo tanto, entre Cerdedo-Cotobade. O petróglifo fai o número 24 dos atopados polo colectivo nos concellos de Cerdedo e nas márdeas de Cotobade, Forcarei e A Estrada.

A inscultura, duns 4.000 anos de antigüidade (Idade do Bronce), labrouse no cotote dun penouco granítico asomado á fonda vaganta do río do Seixo. O achado, bautizado co nome de “petróglifo de Regaseis”, componse dun conxunto de coviñas xa illadas (7), xa aliñadas (10) (en paralelo a un regaña natural), xa consteladas (7) que suman un total de 24 fossettes.

Tamén contén dous elementos circulares. Na face oeste do penedo labrouse unha cruz de termo. As súas coordenadas son: X.- 548588; Y.- 4705295. Outras posíbeis denominacións (máis precisas) para o gravado serían: “petróglifo do monte da Penancha” ou “petróglifo do Outeiro da Cruz”.

Máis petróglifos

Capitán Gosende lembra que os pobos prehistóricos que habitaron as lombas de Costoa e do monte de Cavenca, en paralelo ao río do Seixo, escolleron os agromos graníticos máis rechamantes e de cara ao nacente (de face ao río e monte do Seixo) como “lenzo” para a súa expresión artística. Así, nesa zona atópase o petróglifo de Regaseis, petróglifo da Fonte Mosqueira, petróglifo do Outeiro da Bichoca e petróglifo da Cerqueira.

No tocante aos motivos representados (coviñas), á morfoloxía do soporte pétreo (pedras sobresaíntes) e á súa localización (no bordo do cavorco), o petróglifo de Regaseis garda moitas semellanzas co petróglifo do Outeiro da Bichoca, no monte de Chamadoira (Cerdedo), situado a 850 m de distancia cara ao nordés do anterior (coordenadas.- X: 549.275; Y: 4.705.788).

Nese mesmo sistema montañoso (elevado entre os ríos Cervas e Seixo), catalogáronse o petróglifo da Laxa do Almanaque (Chamadoira), o petróglifo do Outeiro de Riba (Biduído), o petróglifo do Outeiro Aciveiro (Biduído) e o petróglifo das Brañas (Lourido). En todos eles, os agrupamentos de coviñas (de maior ou menor tamaño) son motivo recorrente.

Segundo o visor ortofotográfico do IET, o petróglifo localízase a uns 130 m cara ao sudoeste do linde entre parroquias (Santiago de Caroi-San Xoán de Cerdedo), caendo do lado de Cotobade. Na rocha, amais do gravado prehistórico, tamén se advirte o trazo dunha cruz de termo, evidenciando que a peneda foi empregada como fito de deslinde. Noutros rochedos do arredor (v. g.: Outeiro da Penancha, Outeiro dos Carpinteiros, Fonte Mosqueira…) tamén se riscaron cruces de termo, coincidentes ou non cos mollóns actuais.

 

Pode que che interese...