fbpx
Plantación simbólica de eucalptos na muralla romana de Lugo para protestar polas agresións contra o patrimonio / Adega

Eucaliptos na Muralla de Lugo

Tempo de lectura: < 1 min.

As asociacións Mariña Patrimonio, Cultura do País e ADEGA realizan este sábado, 18 de xuño, unha performance no adarve da Muralla de Lugo que consistirá en plantar sobre o monumento romano un total de 56 eucaliptos. A idea é chamar a atención sobre a desaparición e agresión de centos de elementos patrimoniais arqueolóxicos que se están a producir no país por mor dos labores forestais, nomeadamente relacionados coa industria do eucalipto. As tres organizacións plantarán un eucalipto por cada unha das denuncias presentadas na Xunta de Galicia nos últimos meses por casos de agresión ao patrimonio arqueolóxico por causa de repoboacións, cortas, ou apertura de pistas forestais.

Tamén se chamará a atención ás administracións, nomeadamente á autonómica e aos concellos, para que promovan unha planificación territorial e forestal na que o patrimonio arqueolóxico de Galicia se poida conservar a salvo para preservar o seu valor histórico, científico e cultural.

A actividade terá lugar este sábado de Arde Lucus, ás 13.00h no adarve da muralla, no tramo entre a Porta Miñá (Tinería) e a Porta do Bispo Odoario ou do Hospital. Mariñapatrimonio, Cultura do País e ADEGA convidan ás veciñas e aos veciños de Lugo a participar neste acto reivindicativo.

Sen permiso de Patrimonio

“Por suposto, esta plantación non contará co permiso da Dirección Xeral de Patrimonio, como tampouco o fan a meirande parte das que se están a desenvolver no país sobre mámoas, castros, xacementos paleolíticos, medievais, etc…”, denuncian estas entidades.

Tras este acto simbólico, haberá un xantar de confraternidade no Lar de Cultura do País, e para rematar a xornada, realizarase unha visita guiada a Adai para coñecer o seu impresionante patrimonio arqueolóxico.

 

Pode que che interese...