fbpx
Ramón Fábregas, catedrático de Prehistoria na USC / Laura Dalama noitabrega.com

“Galicia é un crisol que emitiu cousas cara a Bretaña ou as Illas Británicas”

Tempo de lectura: 2 min.

O arqueólogo e profesor na USC, Ramón Fábregas, destaca a importancia que Galicia tivo no espazo atlántico como foco de expansión de cultura.“Obsérvase como dende hai 8.000/7.000 anos mantemos unha comunicación relativamente fluída, tanto para o norte como para o sur da Península e por dúas vías; terrestre e marítima, esta última crecente nos períodos relativamente máis adiantados. O que vemos é que Galicia é unha especie de crisol, onde se recollen e emiten cousas cara outras áreas, caso da Bretaña ou das Illas Británicas”, apunta nunha entrevista en noitabrega.com .

Tamén suliña que o patrimonio, material e inmaterial, “é un elemento clave para entendernos a nós mesmos. Na medida en que iso se perde, se diminúe, se esfarela ou desaparece, estamos perdendo parte da nosa alma e substituíndoa por outra”.

Nesta longa entrevista tamén se refire ao papel dos prehistoriadores. “Felipe Criado, un antigo compañeiro, comentaba que os prehistoriadores nunca deixabamos de selo. O somos a todas as horas, inda de vacacións. A investigación, en xeral, non ten horarios e nunca se aparca de todo. Pódese estar tomando unha caña e virche á mente unha teoría que non incluíras ou que revolucione o campo. Iso sí, hai que apuntala antes de seguir tomando máis cañas”.

E é partidario de poñer en valor a Cova de Eirós, pero cunha reproducción das súas pinturas rupestres. “Creo, dende o punto de vista da exhibición, que sería moito máis interesante (de feito xa se ten comentado) facer unha reprodución, polo menos do que chamamos a Gran Sala ou a Sala do Mamut, onde se concentra a maior parte da arte da cova. Probablemente habería que recuperar, de forma parcial, algunha das cousas perdidas para que fosen máis visibles a unha persoa non especialista e así que puidese disfrutar desa copia”.

Fábregas ( Lugo) fixo estadías en Londres, EEUU ou Portugal. Como profesor exerceu en Vigo e Compostela. Actualmente é catedrático de Prehistoria na USC dende o ano 2000 e foi, durante bastantes anos, profesor titor de Prehistoria e Historia Antiga no centro asociado da UNED, en A Coruña. Como prehistoriador e investigador, adícase ó estudo da Prehistoria recente do Noroeste Peninsular. Toda a entrevista en noitabrega.com

Pode que che interese...