fbpx
Castro de San Cibran de Las, que alberga o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa / panoramio.com

Novas escavacións no castro de San Cibrán de Las

Tempo de lectura: 2 min.

Cultura investirá preto de 90.000 euros en novas campañas para realizar entre este ano e o vindeiro.

San Cibrán de Las seguirá ampliando as súas escavacións. A Consellería de Cultura convocou concurso público para adxudicar a realización de novos traballos neste castro de San Amaro/Punxín, que, ademais, alberga o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.

Renova así os traballos, que está previsto que se prolonguen durante seis meses, despois da última campaña que se desenvolveu entre os anos 2010 e 2011, aínda que, en 2014, tamén se procedeu a reconstruír e instalar neste xacemento a porta doutro castro próximo de Laias. O investimento previsto é de 90.000 euros e a nova campaña desenvolverase entre este ano e o próximo.

Castro de San Cibrán de Las / terraarqueos.com

Castro de San Cibrán de Las / terraarqueos.com

Con tal motivo, a xerencia do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa afronta unha nova campaña dirixida a escolares e público en xeral, tendo en conta estas novas escavacións. “A idea é que os estudantes interactúen cos arqueólogos, podendo coñecer así un xacemento ‘vivo’, e asistir en directo ao descubrimento de novos achados arqueolóxicos”, sinala esta entidade.

Para iso, está a deseñar un programa específico dirixido a todos os centros educativos galegos, para que os escolares coñezan de primeira man como é un proceso de escavación arqueolóxica, e poidan experimentar as emocións e sensacións que ofrece un xacemento en vivo e en directo. Á súa vez, ofreceranse diversas visitas e actividades durante os fins de semana, para que o público en xeral poida tamén participar e comprobar os resultados da nova escavación arqueolóxica.

“Recomendamos a escolares e demais interesados que reserven a súa visita, xa que será un programa de duración determinada e con aforamento limitado”, puntualizan os responsables do parque. Fonte: La Región

 

Pode que che interese...