Novos obradoiros do Museo de Historia Natural para familias e nenos
O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago ten organizadas novas propostas de obradoiros para as fins de semana destes meses de xuño e xullo.O sábado 18 de xuño proponlle ás familias un paseo para descubrir as zonas verdes de Santiago nunha ruta dende o propio museo ata a Alameda comentando a biodiversidade presente nos parques de Vista Alegre, Galeras, Finca do Espiño e Paseo do Sarela. Ademais, polo camiño haberá xogos para animar aos máis pequenos.
As actividades do mes de xullo están orientadas todas elas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. O sábado 2 poderán visitar no museo a exposición temporal ‘Historia do microscopio a través da colección Camacho e Pallas’ e realizar unha práctica de microscopía con mostras recollidas na contorna do edificio ademais de fabricar aparellos ao redor das lentes e os microscopios.
‘Trucos para orientarte nun bosque’ é a proposta para o sábado 16, na que os rapaces e rapazas fabricarán elementos esenciais para unha excursión polo bosque como mapas ou compases e participarán nunha proba de orientación á procura dun tesouro polo parque do Museo.
Por último, o venres 29 pola tarde desenvolverase un concurso de probas do Museo de Historia Natural no que, por equipos, os menores terán que realizar diferentes probas que serán puntuadas. Para asistir aos obradoiros é necesario facer reserva previa, polo menos con dous días de antelación á data do obradoiro.