O empresario filántropo que acabou esquecido pola súa militancia galeguista
Houbo un tempo no que o Balneario de Mondariz era símbolo de progreso, de modernidade e, sobre todo, dun novo modelo de empresa que encarnaba un dos grandes empresarios galegos do século XX; Enrique Peinador Lines.Non foi un empresario ao uso, meteuse en accións e proxectos nas que, daquela, moi poucos empresarios confiaban. Pero a Peinador todo lle foi saíndo, ata o crack do 29 no que comezaron os seus problemas. Uns problemas que se agravarían no 36 e coa vitoria franquista. E é que os nacionalcatólicos nunca lle perdoaron a súa militancia no Partido Galeguista.
Peinador difundiu parte da nosa historia e dos seus protagonistas a través de excelentes publicacións: La Temporada (1889-1931), que se entregaba gratuitamente aos bañistas, de carácter semanal; Mondariz (1915-1922), revista literaria e histórica de amplo espectro, coa colaboración de plumas recoñecidas, coordinada nun principio polo xornalista galego Alfredo Vicenti; e con libros que saían da imprenta do propio balneario dos máis prestixiados escritores galegos entre os que sobresae Ramón Cabanillas. Para este labor contou cos debuxantes e pintores máis recoñecidos da nosa cultura como Sotomayor, Cebreiro, Castelao, Bello Piñeiro…
Mecenas de investigacións arqueolóxicas
Tamén realizou actos culturais de relevancia no seu recinto hidrotermal, desde sesións da RAG, da que era membro correspondente, ata homenaxes a persoeiros da cultura galega como Murguía, pasando por exposicións pictóricas, concertos de música, rescate de festas e tradicións populares, realización de folións e conmemoracións de variada índole relacionadas coa comarca e co país.
E puxo en valor as investigacións arqueolóxicas da zona, coa colaboración do seu xenro Isidro Parga Pondal co profesor e colega Luís Pericot, máis co SEG e Cuevillas á cabeza, e o arqueólogo Ángel del Castillo. Xunto a seu pai, puxeron en marcha un Museo arqueolóxico e etnografico no recinto mondarizano, un dos primeiros de Galicia de carácter privado. Tamén fixeron importantes doazóns de pezas ao Museo de Pontevedra.
“Enrique Peinador Lines e Mondariz, empresa, turismo e país” é un libro de Ricardo Gurriarán no que se pescuda toda a actividad empresarial filantrópica, cultura, empresarial e política de Peinador. Galicia Confidencial falou co autor sobre esta figura. Podedes ler a entrevista no GC.