Os vehículos históricos e a maquinaria antiga, protagonistas en Lugo
Trátase da segunda edición da Feira de Vehículos Históricos e Maquinaria Antiga que fará unha homenaxe as carrocetas da Pontenova. Haberá unha exposición de quince unidades da Vespa.O Concelleiro de Deportes e Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández, o presidente da Asociación Lucense de Automóbiles Antigos, Rubén Abelairas, o xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López, e o responsable da organización do evento, Francisco Roibás, presentaron este mércores no Salón de Plenos a segunda edición da Feira de Vehículos Históricos e Maquinaria Antiga, que terá lugar os días 11 e 12 de xuño no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e coa que colabora o Concello.
Miguel Fernández felicitou aos organizadores por este evento e destacou o éxito de público que tivo o ano pasado. “Eventos como este, de divulgación e de recuperación da maquinaria antiga e dos vehículos históricos, tamén nos permite poñer en valor o noso mundo rural, como motor socioeconómico fundamental do noso municipio”, asegurou o edil. Ademais, animou á cidadanía a achegarse e gozar do programa “tan atractivo” que a organización ten preparado.
Pola súa banda, Ruben Abelairas explicou que “con esta feira búscase a promoción cultural da historia do automóbil, centrada no coche americano, sobre o que se fará un monográfico dende os anos 20 ata os 90, incluso pasando polo vehículo Dodge 3700 GT, construído en España cunha base americana e realizado polo galego Eduardo Barreiros”. Tamén haberá unha parte para as motocicletas.
Feira de “carácter internacional”
Francisco Roibás explicou que “se trata dunha feira de carácter internacional, xa que hai expositores de varios países e é a única que ten unha vertente claramente rural”. Nesta edición farase unha homenaxe as carrocetas da Pontenova, pola súa importancia. Haberá unha exposición de quince unidades da Vespa. Haberá máis de corenta expositores, polo que houbo un incremento con respecto ao anos pasado.
Ademais, haberá tres conferencias, unha de elas o domingo ás 13:00 horas, ofrecida por Marcos Vázquez, que tratará sobre os tractores, territorio e paso do tempo, e outras dúas sobre automóbiles, unha o sábado ás 19:00 horas, sobre os cen anos de historia da marca BMW, e outra o domingo ás 12:00 horas, que abordará o corenta aniversario do Ford Fiesta, ambas impartidas por Ramón Roca.
A feira poderá visitarse o sábado e o domingo de 10:00 a 20:00 horas. O prezo da entrada é de 5 euros. Para os menores de 12 anos será gratuíta. Todas as persoas que pertenzan a unha asociación ou club clásico, ou quen visite a feira cun vehículo clásico contan cun desconto no prezo da entrada, tendo que pagar só 3 euros.