fbpx
Pezas en alabastro do anticuario Jaime Trigo expostas no Pazo de Xelmirez, en Santiago

Pezas de alabastro únicas no mundo na Catedral de Santiago

Tempo de lectura: 2 min.

O templo compostelán fai un percorrido pola historia da arte en alabastro a través da colección de Jaime Trigo.A Catedral de Santiago acolle dende este xoves, no Pazo de Xelmírez, unha exposición que recolle unha parte da ampla colección de pezas en alabastro do anticuario Jaime Trigo, “única” no mundo, para realizar un percorrido pola historia da arte neste material e achegar moitas das súas singularidades ao público.

A mostra, ‘O alabastro a través do tempo’, reúne neste recinto compostelano 88 pezas seleccionadas entre a colección de 300 obras que posúe o galerista galego e constitúe a primeira vez que serán expostas de forma conxunta.

Tal e como explicou o comisario da exposición, Ramón Yzquierdo, a mostra articúlase en torno a tres eixes con tres obxectivos. En primeiro lugar, facer un achegamento ao alabastro como material e explicar as súas tipoloxías, vías de traballo e escolas máis relevantes.

En segundo lugar, os organizadores quixeron falar da colección de Jaime Trigo en si mesmo, única no mundo pola súa variedade e tipoloxía. Finalmente, a mostra fai un percorrido pola historia da arte en alabastro dende o punto de vista da iconografía relixiosa cristiá dende a Idade Media ata o século XIX.

Pezas únicas

Na mostra están incluídas algunhas das pezas máis antigas da colección de Jaime Trigo, concretamente un busto romano, unha boca de fonte e un peixe de simboloxía cristiá datados do século III despois de Cristo.

Así mesmo, e aínda que na súa maior parte as pezas fan referencia a aspectos relixiosos, tamén se inclúen elementos profanos, como é o caso dunha escultura que representa unha dama flamenca do século XV embarazada e que o propietario da colección cualificou como “única”.

Pazo de Xelmirez, anexo á Catedral de Santiago / galicia.info

Pazo de Xelmirez, anexo á Catedral de Santiago / galicia.info

O percorrido expositivo fai especial fincapé nalgunhas das claves da colección, como as representacións da Virxe de Trápani, da cal Jaime Trigo ten a selección máis numerosa de España; ou os relevos góticos realizados en talleres de Nottingham, un dos focos máis importantes da arte en alabastro dos últimos séculos da Idade Media.

En conxunto, pódense observar pezas realizadas en distintos tipos de alabastro, con emprego de diferentes técnicas e con diversas orixes, dende España a Italia e centroeuropa, pasando por pezas americanas do renacemento e o barroco.

Unha colección única

Jaime Trigo comezou a súa colección de pezas de alabastro nos anos 70, tras adquirir en Portugal unha peza que representa a San Miguel e que tamén se atopa na exposición.

A partir de aí, en distintas feiras e mercados, o coleccionista conseguiu un conxunto de 300 pezas con orixe en distintos puntos do mundo, das cales moitas teñen un “valor extraordinario”.

“No mundo enteiro, e sigo buscando, non hai unha colección como esta”, dixo Jaime Trigo, que destacou a “transparencia especial” do alabastro como unha das súas principais características, xunto ao feito de que é “máis brando que o mármore” e permite crear “unhas pezas bellísimas”. A mostra estará aberta ata finais de outubro.

 

Pode que che interese...