A Valedora critica a “falta de sensibilidade” de concellos no coidado do patrimonio
A Valedora do Pobo, Milagros Otero, critica nunha misiva remitida a Unidade Veciñal de Dodro a “falta de sensibilidade” de concellos no coidado do patrimonio, e tamén a “pasividade” da Xunta, ante os danos causados no asfaltado dunha pista que pasa por medio dun castro.
Unidade Veciñal de Dodro presentou unha queixa á Valedora do Pobo logo de que o concello de Dodro realizara obras de acondicionamento dunha estrada, dándolle un metro mais de ancho.
Unhas obras que provocaron que se realizaran cunetas e instalación de tubaxes, a pesar da prohibición expresa da Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Cultura, e que motivaron as queixas desta formación. De feito, logo das preguntas da Unidade Veciñal de Dodro en diversos plenos o alcalde negou os feitos e mesmo chegou a suliñar que tiña permiso para facer os traballos.
Por iso, un concelleiro de dito partido elevou unha protesta ante o Xefe de Servizo e Vixilancia e Inspección do Patrimonio Cultural. Deste este organismo respostaron que non había tal permiso. “Procedemos a autorizar as obras solicitadas coas condicións que figuran no citado informe, agás as obras de ampliación do camiño entre Catro e Teaio onde as actuacións limitaranse á limpeza e mantemento do camiño”, apuntaron desde Cultura.

Desfeitas provocadas nun castro pola apertura dunha pista / Unión veciñal de Dodro
A Valedora dá a razón
Tras esta resposta Unidade Veciña de Dodro decidiu elevar unha queixa ante o Valedor do Pobo que tamén respostou dándolle a razón,. “Tras a investigación realizada, na que se avaliou o contido da súa queixa e o exposto no informe do citado órgano, dedúcese que a súa queixa estaba completamente fundada”, indica.
Tamén lle dá un tirón de orellas a Patrimonio. “Chama a atención que a Dirección Xeral de Patrimonio retrasara varios meses a visita de inspección ás obras denunciadas, o que podería ter sido determinante nun dano irreversible ao patrimonio arqueolóxico do concello”.
Finalmente, a Valedora, Milagros Otero, di “lamentar” a situación producida, “a falta de sensibilidade de moitos concellos para preservar o seu patrimonio cultural e a pasividade da administración, xustificada pola falta de medios materiais e humanos, para impedir a destrución da memoria e da historia de moitos lugares”.