Camiñatas para coñecer o patrimonio cultural galego
“Andar con arte”. Ese é o nome que leva a cuarta edición do ciclo Monumenta da Consellería de Cultura e Educación que celebra do 30 de xullo ao 27 de agosto unha nova edición tenta achegar o patrimonio cultural –sexa arquitectónico, artístico ou mesmo inmaterial– aos cidadáns.
Igrexas, muíños, castros e vías romanas, que se relacionan co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística, son algunhas das propostas do ciclo para esa descuberta do patrimonio cultural galego, “co fin de espertar a curiosidade por esta riqueza que temos e que debemos coñecer para poder apreciala e contribuír a conservala”, asegurou durante a súa presentación o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou a riqueza de Galicia en canto a “elementos patrimoniais de altísimos interese histórico, artístico, paisaxístico, cultural e, naturalmente, social e identitario”.
Propostas variadas
As propostas da nova edición de Monumenta son moi variadas e abranguen patrimonio marítimo, patrimonio de fronteira –tanto da raia con Asturias como con Portugal–, patrimonio industrial, patrimonio viario etc. A primeira das xornadas, o 30 de xullo, propón unha descuberta desde o contorno privilexiado da ría de Ferrol. A través dun paseo que ten como meta o castelo de San Felipe, a andaina afondará no patrimonio marítimo dos portos, os sinais marítimos, a hidrotoponimia e as fortalezas militares.
O patrimonio industrial dos vales do Ulla-Limia centrará a segunda sesión do ciclo, o 6 de agosto, que porá en valor a tradición fabril desde a Idade Moderna ata a época contemporánea coa visita a algúns complexos industriais situados no concello de Caldas de Reis. Ao día seguinte, o 7 de agosto, Monumenta chegará á Fonsagrada, onde, ademais da da importancia do antigo concello da Pobra do Burón (extinto no ano 1835) e da arquitectura da zona, como a igrexa barroca de Santa María, a súa famosa torre de Altamira ou do castelo de Burón, tamén abordará as fundacións hospitalarias para peregrinos.
A cuarta edición do ciclo Monumenta tamén se deterá, o 15 de agosto, no patrimonio industrial e na xeoloxía da Ribeira Sacra, cunha andaina que percorrerá o canón escarvado polo río Mao no granito e que incluirá a canle construída en 1916 para fornecer auga ás turbinas da central hidroeléctrica de Escalada.
Salinas, paisaxes, fortalezas e mosteiros
A seguinte parada será o 20 de agosto, nos concellos ourensáns de Rairiz de Veiga e Bande, cunha andaina para compartir contos e historias da raia no Parque Natural do Xurés e para descubrir os elementos máis interesantes do itinerario romano da Vía Nova. A seguir, o 21 de agosto, Monumenta percorrerá os camiños do sal para se deter nas salinas do Ulló, no concello pontevedrés de Vilaboa, construídas no século XVII e que, xunto coa marisma, constitúen unha contorna de incalculable valor ecolóxico e de gran beleza paisaxística. A andaina tamén incluirá un dos poucos exemplos de muíño de mareas.
Finalmente, na última fin de semana de agosto, o día 27 transcorrerá pola senda do río Miño desde o Espazo Fortaleza ata a praia de Eiras. A través dos restos patrimoniais na fronteira natural e política con Portugal, como a fortaleza de San Lourenzo, Monumenta afondará nas relacións entre ambos os dous territorios, na pegada do contrabando e mais na pesca tradicional do Miño. Ao día seguinte, o 28 de agosto, Monumenta pechará a súa cuarta edición cunha xornada centrada na conexión de Monforte de Lemos con Castela e Nápoles no século XVI. A andaina final percorrerá un dos patrimonios renacentistas máis singulares de Galicia: o mosteiro e a igrexa de San Vicente do Pino, o colexio de Nosa Señora da Antiga e o convento das Clarisas.
Convidados expertos en diferentes áreas como a arquitectura, a arqueoloxía, a xeografía, a xeoloxía ou a arte, participarán na cuarta edición do ciclo Monumenta co fin de axudar a entender outras particularidades e valores dos diversos aspectos do patrimonio material e inmaterial de Galicia.
Actividades con inscrición previa
Algunhas das actividades do ciclo Monumenta requiren inscrición previa nun prazo determinado e o pago da entrada nalgúns edificios privados será por conta dos participantes. A información completa do ciclo pode consultarse na páxina web de Cultura da Xunta de Galicia, en www.cultura.gal e en https://galiciamonumenta.wordpress.com/