fbpx
Muralla romana de Lugo / senmais.com

Descobren un pequeno túnel nun tramo da Muralla Romana de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, desvelou este mércores, durante unha visita á Muralla Romana de Lugo, que se toparon “cunha pequena sorpresa” nun tramo do monumento, concretamente no cubo seis, onde foi localizado “un pequeno túnel“.

“En certa medida fálanos dun monumento que, estando moi vivo, nos depara sorpresas todos os días”, dixo o conselleiro, que está á espera dos resultados que se obteñan do devandito descubrimento. “A muralla é un símbolo desta cidade, creo que transciende á cidade, é un símbolo de todos os galegos”, destacou.

O responsable de Cultura subliñou que hai “constantes obras en marcha” e se está a realizar “un plan de priorización das obras en función das prioridades e das necesidades” do Monumento. En canto a ese cubo, o seis, e esa “sorpresa nova”, insistiu en que se está a “investigar, para ver como se materializa e coñecer o que realmente hai aí”.

“Isto é unha tarefa constante de actualización, de limpeza, é unha tarefa constante de mantemento que compartimos co Concello — de Lugo–“, concluíu.

Xornadas sobre a Muralla

O conselleiro participou en ‘Roldando a Muralla: Xestión, Coñecemento e Desenvolvemento‘. Con este nome se celebran en Lugo unhas xornadas sobre os 2.000 anos deste monumento de Lugo, organizadas polo Grupo El Progreso. Este mércores tiveron lugar varias ponencias que versaron sobre a conservación e a xestión da Muralla, a investigación arqueolóxica das escavacións do Mitreo e a Porta Miñá e a difusión e dinamización do patrimonio.

Ao acto tamén asistiu a alcaldesa da cidade, Lara Méndez e a presidenta deste grupo, Blanca García. Previamente, realizaron un percorrido pola Muralla, entre o treito da Mosqueira e a Porta de Santiago.

Na súa intervención, a rexedora destacou a promoción turística que supón a Muralla, o sinal de identidade dos lucenses, para a cidade. Neste senso, lembrou que a declaración deste monumento bimilinario como Patrimonio da Humanidade marcou un antes e un despois no turismo, que se incrementou dende o ano 2000 nun 92%, pasando de recibir a Oficina Municipal de Turismo 3.000 visitantes ao ano a máis de 40.600 o pasado 2015. Lara Méndez agarda que este fito se repita coa declaración de Ben Mundial do Camiño Primitivo e da Catedral.

Así mesmo, amosou a aposta do Concello por un turismo sostible, de calidade e accesible que saque potencial do patrimonio da cidade, abandeirado polos tres Patrimonios da Humanidade, tal e como recolle a última campaña posta en marcha pola entidade local, Ven, É Lugo. Para rematar, Lara Méndez, tendeu a man á Xunta de Galicia para entre ambas institucións traballar de forma conxunta na conservación e na difusión da Muralla, capaz de poñer a Lugo no mapa.

Pode que che interese...