A illa de San Simón lembra aos represaliados franquistas 80 anos despois
A Iniciativa Galega pola Memoria, organiza un ano máis a homenaxe nacional ás vítimas do franquismo que terá lugar o vindeiro domingo 17 de xullo na Illa de San Simón, un espazo que serviu de prisión de centos de republicanos e antifranquistas durante os anos máis duros da represión fascista.

Placa na illa de San Simón en homenaxe aos republicanos detidos na súa prisión / xunta.gal
De feito, en San Simón houbo moitos presos na súa colonia penitenciaria agardando en moitos casos un desenlace tráxico. “É un sitio para o recordo mais tamén para reivindicar a xustiza nun presente onde aínda segue vixente a impunidade, a mentira e a apoloxía dese réxime de terror”, apunta esta entidade.
Desde a Iniciativa Galega pola Memoria queren que este acto sirva para “defender a verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición”. “Este ano, polo seu 80 aniversario ten especial relevancia para chamar a atención sobre este espazo que debera ser fundamentalmente un lugar para a memoria”, apunta esta entidade nun comunicado.
As persoas que estean interesadas en asistir téñense que poñer en contacto con esta Asociación memorialística co fin de organizar o embarque xa que as prazas, xa que son limitadas. Confirmarase e darase un tiquet a aqueles que poidan embarcar. Ninguén que non estea confirmado e co tiquet poderá embarcar por necesidades da propia limitación de prazas que teñen os barcos. Os interesados poden escribir a coordinadora@igmemoria.com