fbpx
Petróglifos descubertos no Courel, a case 1.500 metros, dos máis altos do noroeste peninsular / Carlos Rueda- La Voz

Localizan os petróglifos máis altos de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Carlos Rueda, colaborador de La Voz de Galicia, localizou recentemente o que parecen ser unhas inscricións rupestres nunha paraxe montañosa e deshabitada de Folgoso do Courel, coñecido como Alto da Escrita, nas proximidades da aldea de Paderne, a unha altura de 1.445 metros sobre o nivel do mar.

Estes gravados son, posiblemente, os máis altos de Galicia e figuran entre os de maior altura de todo o noroeste ibérico. Até o momento, a marca de maior altura está en mans do afeccionado José Anglés Correa que descubriu o ano pasado unha estación na parte leonesa da serra dos Ancares, a unhas alturas que oscilan entre os 1.500 e os 1.800 metros. Previamente, no 2013, o historiador Xabier Moure e a documentalista Pilar Carpente atoparon en Cervantes os primeiros petróglifos rexistrados na comarca galega dos Ancares, a uns 1.100 metros de altura.

Desde o lugar onde se atopan os gravados do Alto da Escrita divísanse unhas amplas vistas das serras do Courel e dos Ancares, e nos días claros mesmo é posible avistar de lonxe a cidade de Lugo.

Incisións

Os gravados consisten en simples incisións de forma circular -do tipo denominado como cazoleta ou coviña- e atópanse nunha pena pizarrosa denominado Pena Escrita ou Pena Grande e situado preto dun marco xeodésico.

Rueda localizou un grupo de catro incisións e outro de dous, separados por por pouco máis de medio metro. O arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo -que por agora non puido visitar o lugar, pero examinou os gravados mediante fotografías- cre que o máis probable é que se trate realmente de petróglifos. “Os buratos teñen aspecto de ser tallados e nese tipo de rocha é moi difícil que se produzan de forma natural”, explica en La Voz. Doutra banda -engade- a toponimia da zona indica precisamente a presenza de petróglifos. No mesmo monte atópase un bosque denominado Devesa da Escrita.

Nomes como Pena Escrita, Pedra Escrita ou simplemente A Escrita, que se repiten en diferentes lugares de Galicia, están normalmente asociados á existencia de gravados rupestres. Álvarez Merayo indica por outra banda que os grupos pequenos de petróglifos simples deste tipo -formados só por dous, tres ou catro círculos- son moi comúns no territorio galego.

Non están catalogados

A pesar da importante pista que encerra a denominación tradicional do lugar, o conxunto de gravados do Alto da Escrita non está rexistrado no catálogo de bens patrimoniais incluído no avance do plan de ordenación municipal de Folgoso do Courel, o que indica que tampouco figura nos inventarios da Dirección Xeral de Patrimonio.

Os petróglifos catalogados tampouco son moi numerosos nos municipios limítrofes. En Pedrafita do Cebreiro non se coñece ningún. Na Pobra do Brollón só consta polo momento unha pena con cazoletas e trazos cruciformes na parroquia de Óutara. En Samos están rexistrados seis conxuntos e en Quiroga un par deles, un dos cales foi localizado precisamente por Iván Álvarez, entre as localidades de Bendollo e Fiais. O municipio do Incio é máis numeroso neste sentido, cun total de dezasete grupos de petróglifos inventariados.

No entanto, Álvarez considera que é moi probable que haxa petróglifos en moitos outros lugares da serra de do Courel e sinala que se por agora non se coñecen máis é porque na zona aínda non se fixo unha procura sistemática deste tipo de elementos arqueolóxicos. Fonte: La Voz

Pode que che interese...