fbpx
Agresións aos petróglifos de Outeiro do Corno, en Teo / Concello de Teo

Novas agresións a petróglifos en Teo

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Teo denunciou ante a Garda Civil unha agresión aos petróglifos das zonas do Outeiro do Corno, situado en Regoufe (Luou) e de Río Angueira, en Cornide (Calo). Uns petroglifos que o colectivo A Rula ten posto en valor nos últimos tempos. O dano máis grave, probablemente irreparable, produciuse no primeiro lugar, onde alguén raiou con pedra unha cruz, xusto a uns centímetros dunha figura zoomorfa. A pedra coa que fixo os riscos quedou xusto ao pé do panel.

Nos dous casos, distintas estacións de figuras rupestres foron marcadas con xiz. “Este feito, sendo menos grave que o debuxo da cruz, constitúe tamén un dano inadmisible sobre o patrimonio histórico”, denuncia o concello. É probable que alguén o fixese para realzar os trazos dos petróglifos e tomar fotografías, pero hai que ter en conta que esta práctica, de xeito continuado, a medio prazo ocasiona unha deterioración e unha alteración sobre estes elementos, de vital importancia para a comprensión da nosa Historia e as nosas raíces culturais.

Agresións aos petróglifos de Outeiro do Corno, en Teo / Concello de Teo

Agresións aos petróglifos de Outeiro do Corno, en Teo / Concello de Teo

Os feitos chegaron ao coñecemento do Concello esta semana a través dun particular que efectúa excursións periódicas pola zona. O cidadán tamén informou á Brigada de Patrimonio Histórico da Policía Nacional. Estímase que a agresión se puido producir a finais do mes de xuño.

O Concello de Teo reitera a necesidade de respectar e preservar os petróglifos. O feito de que estes elementos estean ao aire libre non debe servir para que se perpetren este tipo de agresións. Ao contrario, é unha razón máis para reforzar o seu coidado e protección por parte dos visitantes. Por iso, está prohibido tocalos e moito menos manipulalos.

O goberno de Teo pide a colaboración cidadá para tratar de identificar os responsables deste agresión e empraza a poñer en coñecemento do Concello calquera movemento sospeitoso ou calquera información que sirva para axudar nas investigacións que abran as forzas de seguridade.

Pode que che interese...