fbpx
Interior do Pazo de Tor / manuelgago.org

O museo Pazo de Tor celebra o seu X aniversario

Tempo de lectura: 2 min.

O Pazo de Tor, de Monforte de Lemos, acaba de cumprir o seu X Aniversario como museo provincial. Un evento que xuntou neste espazo ao Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, e un grupo de veciños.

Este magnífico pazo está situado nunha elevación que lle serve de miradoiro sobre o val de Lemos na parroquia de San Xoán de Tor, pertencente ó concello de Monforte de Lemos. As orixes do pazo están ligadas á liñaxe dos Garza no século XIV e a súa posesión mantívose en mans dos seus descendentes directos ata a súa derradeira propietaria Dona María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga.

O edificio foi construído no último tercio do século XVIII aínda que conserva algún vestixio anterior e foi tamén afectado por algunha reforma posterior (como as reparacións efectuadas tralo seu incendio polas tropas napoleónicas). É encadrable dentro do estilo barroco, de longa persistencia en Galicia, pero xa matizado por certo sentimento estético neoclásico, visible na súa sobriedade, simetría e emprego das ordes clásicas.

Os elementos decorativos concéntranse nas fachadas e a organización interna do edificio diferencia claramente un baixo de servizo que alberga as dependencias necesarias en toda facenda agropecuaria (cocheiras, adegas, cortes, tullas, vivenda dos criados e caseiros…) e un primeiro andar reservado a residencia dos donos do pazo.

A visita ó Pazo de Tor non só permite coñecer de primeira man unha das máis importantes mostras da arquitectura pacega galega, permite tamén coñecer integramente todas as salas e dependencias do mesmo, co seu mobiliario orixinal e coas coleccións artísticas que a familia foi atesourando ó longo dos séculos, un testemuño privilexiado do modo de vida da nobreza na Galicia da Idade Moderna.

Mostras de arquitectura popular

Durante a súa intervención, o presidente provincial fixo mención a Dona María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga; a última propietaria do Pazo de Tor, que doou estas instalacións á Deputación de Lugo. “A xenerosidade de Dona María fixo posible que o Pazo de Tor sexa hoxe un referente na divulgación cultural na nosa provincia”, dixo.

“A visita ao Pazo de Tor, non só permite coñecer de primeira man unha das máis importantes mostras da arquitectura galega, senón tamén as salas e dependencias destas instalacións. Nelas, atopamos o mobiliario orixinal e as coleccións artísticas, que a familia de Dona María foi atesourando ao longo dos séculos, convertendo ao Pazo de Tor en testemuña do que foi a Galicia da Idade Moderna”, engadiu.

 

Pode que che interese...